publicidade hoxe

O pelo de Asunta rexistrou consumos repetitivos de dúas sustancias sedantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaTeo
A-
A+
Europa Press
Xuízo polo caso Asunta

Xuízo polo caso Asunta

O pelo de Asunta Basterra rexistrou “consumos repetitivos” de dúas sustancias sedantes diferentes nos meses anteriores á súa morte e durante un “período prolongado de tempo” e no momento do seu falecemento estaba “gravemente intoxicada” e era “incapaz de defenderse”.

Así o aseguraron os peritos que compareceron este martes no xuízo pola morte da nena Asunta Basterra e que falaron sobre os estudos realizados en relación ao contido gástrico, sangue, ouriños e pelo da nena.

Ademais da alta concentración en sangue de lorazepam -principio activo do Orfidal- que Asunta tiña no momento da súa morte, os peritos atoparon restos desta e outra benzodiacepina -nordiacepam- no pelo da menor.

Segundo contaron ante o xurado, isto supón que Asunta estivo sometida a “consumos repetitivos” destas dúas sustancias sedantes durante os meses anteriores á súa morte -entre tres e catro- e que a administración se produciu nun “período prolongado de tempo” para deixar rastros no pelo.

No entanto, non é posible determinar nin o período concreto de consumo nin a dose que a nena tomou para producir estes achados.

INDEFENSA NO MOMENTO DA MORTE

Por outra banda, e tendo en conta a concentración en sangue de lorazepam no momento da morte, os peritos aseguraron que Asunta estaba “gravemente intoxicada” cando faleceu, nun grave estado de “sedación” e coas súas “capacidades de defensa moi limitadas”.

“Era incapaz de defenderse”, explicou un dos peritos, que lembrou que as cantidades achadas -por encima dos 0,50 microgramos por mililitro de sangue- están “en rango tóxico para persoas adultas”.

Os investigadores atoparon restos deste fármaco nos ouriños da nena, xa que comezara a eliminarse, e estaba tamén en contido gástrico sen absorber. Por esta circunstancia, os peritos explicaron que se descoñece a concentración máxima que alcanzaría se se absorbese completamente.

No ámbito teórico, a concentración máxima de lorazepam en sangue adquírese entre media hora e tres horas despois de absorberse e os efectos comezan de 15 a 45 minutos despois. No entanto, os peritos lembraron que existen factores que poden alterar este período, como o consumir alimentos co fármaco, o que atrasaría a súa absorción e o inicio dos síntomas.

Sobre a posibilidade de que Asunta puidese camiñar tempo despois de consumir o lorazepam, os expertos lembraron que os síntomas aparecen gradualmente, comezando pola sensación de cansazo e somnolencia. “Unha vez tomado a persoa non cae ao chan dun mazazo”, apuntou unha dos peritos, que deixou aberta tamén a posibilidade de que fose administrado en varias tomas.

Finalmente, os investigadores lembraron que un consumo prolongado desta sustancia provoca “tolerancia”, o que non inflúe no seu ritmo de absorción pero si nos efectos. “O seu cerebro vaise afacendo e tardan máis en aparecer os síntomas ou é necesario repetir dose para conseguir os mesmos efectos”, aclararon.

CATRO HORAS DESPOIS DA COMIDA

Os peritos que analizaron o contido gástrico de Asunta determinaron que no momento da súa morte os alimentos que comera estaban “parcialmente dixeridos”, o que implica que a nena faleceu como máximo catro horas despois da comida, sobre as 19.00 horas.

Neste sentido, os peritos rexeitaron que o lorazepam inflúa no ritmo da dixestión e negaron categoricamente que o período de dixestión poida estenderse máis aló das seis horas, cando “o estomago estaría xa baleiro”.

Paralelamente, e dado que non foi localizado líquido no contido gástrico de Asunta, o informe establece que a nena non inxeriría ningún líquido polo menos desde unha hora antes da súa morte.

RESTOS NA CARA

Os investigadores que analizaron os restos de orixe biolóxica localizados na cara da vítima, evidenciados pola luz forense, explicaron que se correspondían con mica, aceites vexetais e material proteico de orixe vexetal.

Nesta liña, determinaron que estes restos son compatibles con “crema facial” ou “algún outro tipo de produto cosmético”.

20 de outubro de 2015 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.