publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O obradoiro “Xuventude Ulla Umia” formará 15 desempregados en agricultura ecolóxica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoraña
A-
A+
Cores Tourís na visita aos participantes no obradoiro

Cores Tourís na visita aos participantes no obradoiro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “Xuventude Ulla Umia”, acompañado da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro.

O obradoiro, que está conformado por veciños de Cuntis, Moraña e Valga, terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 130.000 euros, “que coa aportación a maiores dos tres concellos chegará a roldar os 160.000 euros”, explicou Cores Tourís. O obxectivo destes cursos é preparar a 15 alumnos menores de 30 anos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en agricultura ecolóxica.
O obradoiro “Xuventude Ulla Umia”, que se prolongará ata o próximo mes de marzo, está dirixido aos mozos e mozas que nin estudan nin traballan e están inscritos no sistema de Garantía Xuvenil. Isto converte a Moraña nun dos concellos pioneiros na organización destes obradoiros destinados á mocidade.

O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente, especialmente tendo en conta que estamos a falar dun obradoiro dirixido aos nosos mozos e mozas, os que, na actualidade, están tendo máis problemas á hora de atopar o seu primeiro emprego”.

“Non podemos esquecer ademais”, engadiu Cores Tourís, “que en total son 18 as persoas que, grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación a directora, o profesor do cursos e a administrativa.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos.

Once homes e catro mulleres traballarán durante os próximos seis meses na realización de operacións de manexo, mantemento, produción e recolección de cultivos en espazos apropiados para a agricultura de base ecolóxica nos concellos de Moraña, Valga e Cuntis.

Cores Tourís quixo aproveitar para agradecer a labor desenvolvida polos concellos de Moraña e Valga, pero tamén do anterior goberno local de Cuntis, “que traballaron a reo para conseguir que este obradoiro sexa hoxe unha realidade”.

O delegado territorial aproveitou a visita a este obradoiro para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

Pola súa banda, a alcaldesa, agradeceu a visita da secretaria territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a estes mozos e mozas desempregadas do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”, destacando ademais o potencial que a agricultura ecolóxica ten nos tres concellos que conforman o obradoiro de emprego.

Neste senso, o delegado territorial incidiu tamén na importancia que o sector ecolóxico ten en Galicia, onde o ano pasado obtívose unha facturación de case 32 millóns de euros, cun crecemento anual do 20%. “Esta actividade conta en Galicia con 149 empresas de elaboración e comercialización e unha superficie, nestes intres, de 16.235 hectáreas de explotación, o que é debido, en parte as novas axudas para a agricultura ecolóxica, que puxo en marcha a Consellería do Medio Rural no mes de marzo de este ano”. Cores Tourís recordou neste senso, que o novo Plan de desenvolvemento rural 2014-2020 conta cunha liña de axudas específica para o fomento da agricultura ecolóxica.

O delegado territorial puxo como exemplo desta labor as importantes explotacións de castaña, oliveiros e mazá ecolóxica que existen no sur de Galicia. “No caso da mazá ecolóxica, cabe destacar o proxecto Cernes na Estrada (Comunidade de espazos rurais para unha nova economía sostible), un proxecto de produción ecolóxica 100% que conta xa con case 100 hectáreas e 30 produtores”, recordou Cores Tourís quen animou aos alumnos do curso a visitalo.

Obradoiros como o de Moraña desenvolveranse nos próximos meses en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, estanse a investir 3,5 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a case 500 persoas entre alumnos e profesores, en 20 obradoiros en outros tantos concellos (xa que algúns obradoiros realízanse entre varios concellos), 3 mancomunidades e a Deputación de Pontevedra”, finalizou Cores Tourís.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar destinará un investimento de preto de 10 millóns de euros para realizar obradoiros de emprego, aos que se suman outros 5 millóns para obradoiros destinados á mocidade.

1 de outubro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.