publicidade hoxe

O Grove demostrará a necesidade dun auditorio para o pobo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

A actividade cultural da Festa do Marisco non rematou o día 12. A carpa institucional da Festa, equipada cunha Sala de exposicións e un Auditorio con 420 prazas, quedará instalada na Praza do Corgo ata o vindeiro 8 de outubro para acoller actividades de todo tipo. A carpa xa foi posta a disposición dos colectivos culturais e educativos do Concello e, a día de hoxe, xa están confirmadas dúas exposicións, catro obras de teatro e catro proxeccións de cine. Nos vindeiros días completarase a programación completa xa que tamén se están concretando actuacións musicais, de baile e, por suposto, conferencias e sesións formativas.

Inda que a nin ubicación nin as características desta carpa son, por suposto, as idóneas para o desenvolvemento de actividades culturais, o Concello do Grove agarda a asistencia masiva dos veciños e veciñas para corroborar algo que é sobradamente sabido: a extrema necesidade que ten O Grove dunhas instalacións culturais adecuadas.

A actividade comeza esta fin de semana

Entre os eventos confirmados atópase o Ciclo de Teatro organizado pola Asociación Cultural Enxebre. Tódolos sábados ás 21.00 horas haberá teatro da man de compañías galegas dentro do Circuito galego de Teatro Amador e gracias á colaboración da Fegatea e do propio Concello. Este sábado teremos a oportunidade de contar coa obra “Un cabaret de Película” a cargo da compañía Farandoleiras. Xa o domingo, ás 19.00 horas os máis cativos poderán asistir á proxección da película de Disney Pixar “Big Hero”.

Paralelamente mañá sábado ás 12.00 horas inaugurarase na Sala das Cunchas e das Dornas do Concello a exposición colectiva de Artegrove e ás 12.30 horas a mostra de fotografías sobre a Festa do Marisco dentro do proxecto “Vivir tocando o Mar”  realizadas polo alumnos e alumnas do Colexio Valle Inclán . 

16 de outubro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.