publicidade hoxe

O Fórum acolle unha xornada para que formadores infantís coñezan recursos para ensinar en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

Recursos musicais, audiovisuais, dixitais, contos, materiais didácticos, xogos, etc. Unha manchea de materiais en galego están ao dispor das formadoras e dos formadores infantís. Por iso, desde o Concello de Carballo organízase o sábado 24 de outubro unha xornada para dalos a coñecer e para traballar ideas e propostas para o seu manexo, utilidade, potencialidades, etc. As sesións terán lugar no Fórum Carballo en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, e as prazas están limitadas a 25. As persoas que desexen participar poden inscribirse, de maneira gratuíta, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo, situado no Pazo da Cultura, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico <nelvidal@carballo.gal>.

As formadoras e formadores participantes coñecerán, por exemplo, uns cantos discos e recursos musicais na rede ben xeitosos, ademais de actividades concretas para traballar coa música nas escolas infantís. Tamén farán un repaso polo material que hai arredor do xogo e o movemento, desde os xogos tradicionais até as novas tecnoloxías. Traballarán, ademais, con contos tradicionais e algunhas dinámicas concretas que serven para poder crear historias propias para os rapaces e rapazas. Ademais destes contidos, tamén coñecerán dinámicas e recursos para traballar coas novas tecnoloxías, co audiovisual, cos libros, etc. Esta é unha acción formativa gratuíta enmarcada dentro do proxecto Apego (www.apego.gal), que procura facilitar a socialización en galego dos máis cativos e cativas desde a primeira infancia.

21 de outubro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.