publicidade hoxe

O director xeral de Administración Local visita Salceda de Caselas para coñecer as súas propostas sobre a Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalceda de Caselas
A-
A+

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe co alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, e con representantes dos grupos municipais da oposición para manter unha nova reunión de traballo sobre a Área Metropolitana de Vigo.

Pazos Couñago destacou a vontade de consenso de todas as partes: Movemento por Salceda, PPdeG e PSOE, que valoraron moi positivamente o feito de que se invitase a todos os grupos para debater unha cuestión tan importante para o Concello.

Nese sentido, houbo un apoio unánime á necesidade dun financiamento progresivo e a que se estableza unha achega fixa por habitante, de acordo coa postura formulada pola Xunta. Tamén foi unánime a petición da posta en marcha canto antes do transporte metropolitano, onde todos coincidiron en que se trata dunha cuestión “fundamental”.

No tocante á Gobernanza e o voto ponderado, o representante popular foi partidario do sistema “un alcalde, un voto” mentres que o rexedor de Salceda e o representante socialista expuxeron a necesidade de buscar un sistema intermedio que garanta que todos os concellos, incluído Salceda, estean adecuadamente representados no ente supramunicipal, algo que ao seu parecer non ocorre co voto ponderado.

Con este encontro, o Goberno galego continúa a rolda de contactos cos 14 concellos que conformarán a Área Metropolitana de Vigo. De momento, o director xeral de Administración Local xa se reuniu cos rexedores de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Soutomaior, así como con varios voceiros municipais destes concellos.

A semana que vén está previsto que Pazos Couñago continúe estes encontros nos concellos de Salvaterra do Miño e Baiona. O seu obxectivo é coñecer persoalmente as propostas e suxestións dos representantes municipais e intentar acadar o máximo consenso posible para que Área Metropolitana de Vigo bote a andar canto antes.

16 de outubro de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.