publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Consello de participación veciñal de San Sadurniño reúnese para falar de subvencións, do PXOM e dos orzamentos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As entidades do municipio están convocadas para esta tarde no salón de plenos a unha xuntanza do Consello de participación veciñal que recolle na súa orde do día catro únicos puntos: a definición das bases para a concesión de subvencións ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro, a aprobación inicial do PXOM e a programación das asembleas participativas que se desenvolverán a partir do 9 de novembro. O último punto reservarase para a exposición de rogos e preguntas por parte das asociacións asistentes.

O Consello ten fixado o inicio para as 19.30h. en primeira convocatoria e para as 20.00h. en segunda comezando a sesión coa cuestión das bases polas que se rexerá en 2016 a convocatoria de axudas para as entidades do municipio. En principio a proposta do Concello será deixalas tal e como están, a menos que no seo do Consello se propoñan modificacións no seu articulado, como puideran ser as referidas aos criterios de puntuación das actividades subvencionadas ou ao sistema de xustificación das axudas.

No segundo punto está previsto avanzarlles ás asociacións do territorio o procedemento de aprobación do PXOM, que se levará a pleno o próximo 7 de novembro para darlle o visto e prace inicial a partir do que se abrirá un periodo de 2 meses de exposición pública no que a cidadanía poderá revisar a documentación e formular alegacións. 

O Concello ten previsto explicar os procedementos relativos ao PXOM aproveitando as asembleas participativas que se desenvolverán a partir do día 9 nas sete parroquias. Estes encontros tamén servirán para definir os orzamentos de 2016 repetindo o sistema de anteriores ocasións: unha fase de recollida de propostas por todo o territorio, a súa priorización dentro da Mesa de participación veciñal e a incorporación daquelas máis importantes/urxentes e asumibles tanto ao orzamento municipal como ás liñas de actuación do Concello para unha mellor xestión ou para a posta en marcha de novos servizos.

28 de outubro de 2015 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.