publicidade hoxe

O Consello de participación veciñal de San Sadurniño aborda a aprobación inicial do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Representantes de entidades do municipio, partidos políticos e membros do goberno local xuntáronse na tarde deste mércores dentro do Consello de participación veciñal para tratar dous asuntos principais. O primeiro ocupouse da a proposta de bases para a concesión de subvencións destinadas ás asociacións, mentres que o segundo abordou o proceso participativo que se abrirá o 9 de novembro co obxectivo de preparar os orzamentos do ano que vén e no que, ademais, se informará sobre o PXOM.

O apartado do planeamento urbanístico de San Sadurniño foi o que máis tempo ocupou dunha sesión que durou pouco máis dunha hora. O técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, fixo unha pequena introdución á evolución do territorio de San Sadurniño desde os anos 50. Unha evolución caracterizada polo abandono das terras agrarias e polas repoboacións forestais masivas. En canto á xestión do chan, Fernández indicou que tanto aquí coma no resto de Galicia se produciu durante décadas un “deixar facer” ao que máis recentemente se lle está poñendo orde a través dos planeamentos que, no caso de San Sadurniño, levan xestándose 10 anos. A este respecto, unha representante da consultora EPTISA -encargada da redacción desde os seus inicios- apuntou que na actualidade os planeamentos de territorios rurais buscan compactar os núcleos preexistentes e definir ata onde poderán medrar.

Secundino García adiantou que a proposta de planeamento deseñada para San Sadurniño -que se aprobará inicialmente no pleno do 7 de novembro- procurou recoller o máximo número de núcleos posible ata onde permite a actual normativa reguladora do solo. Porén, o alcalde tamén apuntou que durante a fase de exposición pública a veciñanza poderá facer as alegacións que considere. Todas serán informadas por persoal técnico e aquelas que conten cun informe favorable incorporaranse ao planeamento que, con todo, deberá ser aprobado en último caso pola Xunta. 

Sobre o procedemento que se seguirá, García destacou a importancia de “darlle participación á xente” e por iso boa parte das xuntanzas veciñais convocadas entre o 9 e o 18 de novembro estarán centradas na explicación dos obxectivos do plan e das medidas que adoptará o Concello para darlle a máxima difusión e guiar a resolución de dúbidas ou a presentación de alegacións. “É importante que a xente vexa o documento, que opine sobre el e que alegue”, dixo o alcalde. Toda a cartografía cos tipos de chan estará exposta no patio interior do Concello e tamén se publicará na web. Ademais, a arquitecta municipal estará dispoñible tres días na semana para calquera consulta e para axudar a preparar posibles alegacións. Nesta liña, García informou tamén sobre a posibilidade de que as asociacións de veciños dispoñan de copias do planeamento de cada parroquia. 

Bases de subvencións e orzamentos

A xuntanza do Consello de participación veciñal tamén serviu para volver falar das bases polas que se rexerá a concesión de axudas a entidades o ano que vén. O edil da área de Participación, Manolo Varela, indicou que a proposta municipal é deixalas igual ca o ano pasado. Unha postura aceptada pola representación veciñal que abre o camiño para que as bases se aproben en pleno e se publiquen por primeira vez en anos sen ningunha variación. Onde si haberá variación será no regulamento de participación veciñal, que modificará minimamente a literatura do artigo referido á composición do Consello para adaptala ao novo reparto de áreas do goberno municipal.

Por último, a sesión do Consello de participación veciñal -do que forman parte o alcalde, representantes do equipo de goberno, dos grupos políticos e das entidades inscritas no rexistro municipal- tratou brevemente e a xeito de recordatorio que as xuntanzas que se desenvolverán polas parroquias para falar do PXOM tamén servirán, un ano máis, para definir os orzamentos municipais de 2016 e outras actuacións propostas polos veciños e veciñas do concello.

29 de outubro de 2015 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.