publicidade hoxe

O conselleiro de Educación visita o CEIP O Ramo en Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Román Rodríguez en Fene

Román Rodríguez en Fene

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP O Ramo, en Fene, onde o seu departamento leva investidos uns 179.000 euros desde 2009 en diversas actuacións de mellora así como en equipamento, aos que hai que engadir outros 16.000 euros para a biblioteca escolar.

Precisamente, durante o percorrido polo centro, o conselleiro amosou especial interese pola biblioteca do centro, e aludiu ao esforzo de toda a comunidade educativa –tanto de profesores coma de pais e nais e tamén dos propios alumnos- por facer deste servizo un dos máis activos e apreciados, xa que mesmo conta cun recuncho que os pais utilizan coma zona de lectura.

Desde o ano 2009, o CEIP O Ramo está incorporado ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e ao abeiro desta iniciativa, leva recibido neste período preto de 16.000 euros para o seu equipamento. A este respecto o conselleiro amosou a disposición do seu departamento de seguir apoiando iniciativas coma o PLAMBE, xa que se trata dun servizo educativo que incide positivamente na aprendizaxe por parte dos alumnos e alumnas e, sobre todo, é unha ferramenta imprescindible para que os máis pequenos vaian adquirindo hábitos de lectura desde idades temperás.

Cómpre salientar tamén que por primeira vez neste curso, o CEIP O Ramo pasa a formar parte da rede de centros plurilingües de Galicia, neste caso concreto para o 1º curso de primaria. Isto, xunto coas seccións bilingües das que xa dispoñía, significa unha clara aposta polo reforzo da ensinanza de idiomas entre o seu alumnado.

Melloras na infraestrutura

Nos últimos anos, a Consellería leva acometidas varias obras de mellora do CEIP O Ramo co fin de que conte cunhas instalacións axeitadas. Nesta liña, a obra máis recente foi a reforma da cuberta do ximnasio, cun orzamento de 12.400 euros. Anteriormente xa se acometeran outros traballos na cuberta, así como o pintado xeral exterior (por un importe de 60.000 € e 52.000 € respectivamente); e reparacións de danos causados polos temporais (por case 32.400 €). Así mesmo, desde 2009 lévanse destinados preto de 22.200 euros para equipamento neste centro.

Con todo, o conselleiro Román Rodríguez asegurou que vai estudar outras demandas pendentes que lle fixeron chegar os responsables do centro como son o arranxo da instalación eléctrica e a reparación da cuberta. No primeiro caso, posiblemente se execute no próximo verán, mentres que a substitución ou reparación do tellado levarase a cabo en función das dispoñibilidades orzamentarias.

2 de outubro de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.