publicidade hoxe

O Concello instalará unha varanda de seguridade na contorna da Casa da Cultura de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Toma de medidas

Toma de medidas

O alcalde de Brión, José Luís García, e o arquitecto César Portela visitaron esta mañá a contorna da Casa da Cultura, onde o Concello de Brión vai instalar unha varanda de seguridade. Unha varanda que será da mesma cor, materiais e tamaño que a actual varanda de acceso á Casa da Cultura, segundo as intencións expresadas esta mesma mañá por César Portela e que recibiron o visto bo inicial da Dirección Xeral de Patrimonio á espera da remisión do proxecto definitivo.

A consideración da Carballeira de Santa Minia como Ben de Interese Cultural (BIT) fai que a contorna da Casa da Cultura sexa unha zona de afección, polo que é preciso autorización previa de Patrimonio para levar a cabo calquera tipo de alteración. O Concello de Brión leva xa algo máis dun ano intentando remitindo distintos proxectos que foron rexeitados pola Dirección Xeral de Patrimonio, argumentando que a colocación dunha varanda de protección convertería a zona nun patio inglés. 

Tras un longo tira e afrouxa entre o Concello e Patrimonio, finalmente a Dirección Xeral aceptou a posibilidade de instalar unha varanda de protección na zona pero coa esixencia de que o seu deseño fose realizado por César Portela, autor dos proxectos de recuperación dos dous inmobles municipais na carballeira de Santa Minia (a Casa da Cultura e a Biblioteca Municipal). José Luís García agradeceu a rápida colaboración de César Portela, que se desprazou esta mañá ata Brión e se comprometeu a enviar o antes posible o proxecto da nova varanda.

22 de outubro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.