publicidade hoxe

O Concello de Teo colabora no certame de narración breve Modesto R. Figueirido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo colabora coa Fundación do Padroado Pedrón de Ouro na celebración este ano do Certame literario de narración breve Modesto R. Figueirido. Trátase dunha iniciativa que busca promover a literatura narrativa en galego ademais de homenaxear ao pontevedrés Modesto R. Figueirido.

Os traballos pódense enviar ata o 16 de novembro ao Padroado do Pedrón de Ouro (Apdo. de correos, 627, Santiago de Compostela) ou ao Concello de Teo (Travesía da Ramallosa, nº 38, 15883, Teo). Deben enviarse por quintuplicado e sen remite incluíndo un sobre pechado cos datos do autor/a. As obras deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas tamaño DIN-A4.

Poden participar autores/as de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras, cumprindo o requisito de facelo en galego, que sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario. 

A obra gañadora recibirá 1.000 euros (suxeito ás obrigadas retencións fiscais) e o xurado pode considerar outorgar dous segundos premios de 400 euros pola calidade das obras presentadas. 

O certame de narracións curtas Modesto R. Figueirido é o premio literario máis antigo e consolidado de Galicia xa que este ano supera as corenta edicións e para o Concello de Teo supón unha honra poder colaborar nesta convocatoria.

As bases completas do certame pódense consultar na web do Concello de Teo teo.gal

27 de outubro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.