publicidade hoxe

O Concello de San Sadurniño, o CPI e Asfedro reeditan “Escola de familias”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As familias son o primeiro espazo educativo para as persoas e o primeiro e principal axente de socialización. O Concello iniciou onte mesmo o programa Espazos das familias, que herda o labor do desaparecido Preescolar na casa. Porén, desde finais de mes, o colexio público, o propio Concello e a asociación Asfedro van volver impartir a Escola de familias, unha actividade que xa se desenvolveu entre abril e maio e que agora se retoma polo seu interese. Vai dirixida a familias que teñan fillos e fillas no centro escolar, tanto nenos e nenas como adolescentes. Serán sesións mensuais centradas en temas diversos referidos á educación e á relación no seo familiar. As inscricións poden facerse ata o 23 de outubro no Concello ou no CPI. 

Os primeiros encontro da Escola de familias serán o 27 de outubro e o 17 de novembro xa que, a partir de agora, o programa desenvolverase unha vez ao mes en vez de unha vez por semana como ocorreu na primeira edición. Isto significa a ampliación da iniciativa a varios meses e deixando máis tempo entre os encontros para reflexionar sobre aqueles aspectos nos que se traballe.

A Escola de familias busca construír un espazo aberto pensado para a participación activa das familias por medio do intercambio de coñecementos, a reflexión sobre asuntos de interese común na crianza dos fillos e fillas, o debate e a aprendizaxe conxunta de todas as persoas participantes.

Neste sentido as sesións terán dous eixos de traballo principais: por unha banda a comunicación e os estilos educativos e, pola outra, as normas e límites que deben existir no nucleo familiar.

Na Escola de familias poderán participar pais, nais e persoas titoras de nenos e nenas con matrícula en calquera curso do CPI de San Sadurniño, onde terán lugar os obradoiros. Tamén é alí onde se poden facer as inscricións. Outra posibilidade é chamar ao teléfono do centro, 981 490 032, ou acudindo/chamando ao Concello (981 490 027 – Ext. 1). O prazo está aberto ata o día 23 de outubro.

A actividade impartiraa Asfedro, unha entidade con longa experiencia no traballo con familias e, sobre todo, nos aspectos relacionados coa potenciación da comunicación e dos vínculos afectivos dentro delas. A iniciativa conta coa colaboración do programa municipal de Educación Familiar e do Colexio Público Integrado de San Sadurniño.

8 de outubro de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.