publicidade hoxe

O Concello de Salvaterra achega á Xunta as súas propostas sobre a Área Metropolitana de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSalvaterra de Miño
A-
A+
O director xeral de Administración Local co alcalde de Salvaterra

O director xeral de Administración Local co alcalde de Salvaterra

O director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, reuniuse hoxe co alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal, nunha nova reunión sobre a Área Metropolitana de Vigo, na que tamén participaron o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a voceira socialista do Concello.

Como en anteriores ocasións, houbo un acordo unánime sobre a necesidade dun criterio proporcional no financiamento do ente e todos os presentes coincidiron na pertinencia dunha achega fixa por habitante, en consonancia coa proposta da Xunta de Galicia.

En canto á Gobernanza, tanto o rexedor como a representante socialista coincidiron tamén na necesidade dun equilibrio entre a Asemblea e a Xunta de Goberno, evitando a existencia do voto ponderado, que prexudicaría aos concellos máis pequenos da Área.

O director xeral manifestou que estas propostas deben ser entendidas “desde a óptica da defensa dos lexítimos intereses do concello [de Salvaterra do Miño] e en ningún caso un ataque ao Concello de Vigo, co que se pretende acadar o máximo consenso para desbloquear a actual situación e beneficiar así a todos os cidadáns da Área Metropolitana”.

Así mesmo, destacou tamén a cordialidade do encontro entre o Goberno galego e o municipal e o debate en profundidade xurdido, xa que ese é o obxectivo destas reunións: coñecer persoalmente as propostas dos representantes municipais, intentar acadar o máximo consenso posible e que a AMV bote a andar o antes posible.

En Salvaterra do Miño o Goberno galego continúa a súa rolda de contactos cos 14 concellos que conformarán a Área Metropolitana de Vigo, despois de pasar por Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior e Salceda de Caselas. Está previsto que o próximo encontro sexa no Concello de Baiona.

20 de outubro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.