publicidade hoxe

O Concello de Cangas pon en marcha a piscina municipal A Balea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Xunta Local de Goberno do Concello de Cangas aprobou este luns a adxudicación definitiva da prestación dos servizos da piscina municipal A Balea de Cangas á UTE A Balea de Cangas (SOOM – Esproade), tras proceder á validación da documentación presentada, prevendo poder asinar o contrato coa empresa encargada da xestión cara a finais desta mesma semana.

Este xoves, día 22 de outubro, realizarase unha asemblea informativa dirixida ás persoas usuarias no salón de plenos do Concello de Cangas ás 18:00 horas. Na mesma procederase por parte de persoal responsable da empresa a explicar a todas as persoas asistentes as cuestión relativas a horarios e servizos, así como os prezos públicos aprobados na vixente ordenanza, a xestión e lugar de sistema de cobro e as correspondentes medidas de control de acceso. Ao longo da semana do 26 ó 31 de outubro, de luns a venres en horario de tardes, abrirase a recepción das instalacións da piscina para atender a todas as persoas que precisen información sobre os servizos e actividades e incluso para inscribirse como abonados ou reservar praza nos cursos de natación.

Paralelamente se realizará un reparto de folletos informativos da información de horarios. De seguido, ese mesmo día, ás 19.30 horas, realizarase unha xuntanza coa representación das Anpas dos distintos centros educativos de Cangas. Asemade tamén se ten previsto realizar xuntanzas con colectivos e grupos de especial interese. 

A data de inicio do servizo coa apertura das instalacións ao público segue prevista para finais deste mes de outubro, posiblemente o xoves día 29 de outubro. Durante un prazo aproximado de tres días levaranse a cabo unhas xornadas de portas abertas, nas que todos os usuarios poderán visitar e valorar as instalacións de xeito gratuíto. 

Horario e servizo da piscina municipal

O novo servizo contará cun horario de apertura de 65 horas semanais, distribuído de luns a venres de 8 a 14 horas e de 16 a 22 horas, e os sábados de 9 a 14 horas. Durante este horario de apertura as persoas usuarias poderán disfrutar das instalacións sen limitación de tempo.

O servizo deportivo distribuirase en actividades tanto de auga como de seco. En auga as persoas usuarias poderán disfrutar de nado libre na piscina grande e de hidromasaxe no spa. Os máis pequenos poderán disfrutar da piscina de chapoteo. A oferta compleméntase con unha ampla batería de actividades e cursos de natación tanto para persoas adultas como de nenas e nenos, distribuídos por niveis, ademais de cursos específicos para bebés, mulleres embarazadas, persoas con mobilidade reducida, escolares así como actividades de fitness acuático.

Como actividades de seco, haberá a disposición das persoas usuarias a sala de aparatos cardiovasculares e como novidade incorporaranse unha batería de actividades dirixidas con monitor que se impartirán gratuitamente aos abonados de luns a venres en distintos horarios ( Pilates, GAP, Zumba, Ximnasias suaves, Spinning e outras).

20 de outubro de 2015 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.