publicidade hoxe

O Closing Tour reunirá a El Combo Dominicano, París de Noia, La Ricura e unha discoteca móbil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSilleda
A-
A+
Presentación do Closing Tour

Presentación do Closing Tour

A Feira Internacional de Galicia ABANCA acolleu  esta mañá a presentación do festival Closing Tour 2015, o cal reunirá o luns 7 de decembro (véspera de festivo) neste recinto feiral ás aclamadas orquestras París de Noia e El Combo Dominicano, que estará ao completo; ao grupo revelación La Ricura e á coñecida discoteca móbil eMe Music cos djs Marcos Magán e David Expósito.

Durante o acto Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde de Galicia, destacou o salto dado polo evento na pasada edición cun importante incremento de asistentes, os cales foron case 7.000, e tamén subliñou o paso dado pola entidade feiral de trasladar aos profesionais do sector a organización desta cita musical, a cal polos datos dos que dispón “vai a ser espectacular”. Así mesmo, incidiu nas magníficas condicións do recinto para albergar un festival destas características e na relevancia deste último “para o sector, Silleda, o Deza e tamén Galicia en xeral”. 

Pola súa banda, Jorge Silva, da empresa Piñeiro Pub, organizadora do evento nesta edición, detallou algúns aspectos do mesmo. Ademais fixo fincapé en que as dúas orquestras participantes son “as dúas de mellor nivel en Galicia e no resto do Estado”, ao tempo que destacou a participación por primeira vez de La Ricura e as importantes novidades que supoñen a incorporación dunha discoteca móbil e a actuación de El Combo Dominicano con todos os seus compoñentes, algo que non é habitual no inverno. 

Á presentación tamén acudiron representantes de todos os participantes, os cales agradeceron a posibilidade de formar parte do evento. Marcos Lemos, de eMe Music, subliñou ademais a novidade de introducir esta discoteca móbil no festival, a cal montará o seu escenario do Tour 2015; mentres que Karel Sánchez, de La Ricura, explicou que é un grupo novo que fai música latina e que “coma sempre, intentarán dar o máximo”. 

En representación de París de Noia, o cantante José Antonio Blas agradeceu o feito de que a orquestra teña participado sempre no Closing Tour, ademais de manifestar que cree que “a asistencia se vai a incrementar este ano” e que para eles o evento é realmente un “open tour” no que ofrecerán parte do espectáculo  que están preparando para 2016. Pola súa banda, Sandoval, trompetista del El Combo Dominicano, destacou tamén a novidade que supón que a súa orquestra actúe con todos os seus compoñentes.

O evento 

O Closing Tour 2015, que volverá a ter lugar no pavillón 1 do recinto, abrirá as súas portas ás 20:30h e dará comezo ás 21.00h, estendéndose durante case dez horas. O espectáculo comezará cos djs Marcos Magán e David Expósito e seguirá con La Ricura, sendo logo a quenda das orquestras El Combo Dominicano e París de Noia, que farán dous pases cada unha de forma alterna, comezando por El Combo Dominicano en torno ás doce da noite. O evento rematará cunha nova actuación dos djs.

As entradas para asistir ao evento pódense adquirir o mesmo día do festival en taquilla cun prezo de 8€. Tamén estarán dispoñibles proximamente de forma anticipada, cun prezo de 6€ en distintos puntos de venta físicos que se establecerán  nos vindeiros días e de 6€ máis gastos de xestión a través da páxina web de Abanca. Os nenos menores de 12 anos poderán entrar de forma gratuíta (acompañados dun adulto). 

O festival volverá a contar coas súas excelentes condicións de celebración, como son a climatización do pavillón e os servizos de restauración e roupeiro.Toda a información do festival pódese coñecer na web do evento, www.closingtour.com.

O Closing Tour, que celebra a súa cuarta edición, é xa unha cita obrigada para os afeccionados á música de orquestra, por ser un evento con características únicas en Galicia que permite aos asistentes desfrutar do espectáculo nunha ubicación interior inmellorable e con multitude de comodidades.

29 de outubro de 2015 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.