publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Castelo de Narahío mostrará o sábado como facer cervexa na casa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A asociación de veciños O Castelo de Narahío continúa coa súa programación de actividades de outono cun interesante obradoiro sobre elaboración de cervexa artesá. A actividade desenvolverase o sábado a partir das 16.30h. no local social da Veiga e terá un prezo de 5 euros para persoas socias da entidade e de 10 euros para o resto de participantes. Nese prezo inclúense os materiais e tamén un vale para a degustación posterior de cervexa con salchichas. Porén, para participar no obradoiro hai que apuntarse chamando antes do xoves ao 646 502 566.

O mestre cervexeiro Miguel Soto será o encargado de descubrirnos todos os segredos da produción caseira de cervexa. Xa leva impartidos varios cursos e, ademais, tamén ten recibido premios polos seus fermentados, elaborados facendo tándem con Elías Sixto. O Castelo ten previsto facer grupos de traballo de catro ou cinco persoas ás que se lles proporcionarán as instrucións, os ingredientes e o equipamento preciso co obxectivo de que, ao final da tarde, obteñan unha cantidade suficiente para poder levar a proba para a casa.

Con todo, a cervexa que se produza no día tardará algún tempo en estar a punto. Por iso a asociación elaborou hai algunhas semanas un barril que será do que se tire a partir das 20.00h., acompañando a bebida con salchichas ao máis puro estilo oktoberfest. Quen participe no curso terá un vale para a degustación incluído no prezo da inscrición. Porén, quen chegue sobre esa hora poderá adquirir os tiques a 1.50 euros.

O Castelo denominou esta actividade como “Festa da cervexa artesá” e por iso, xunto coa cervexa, haberá humor e música. Das risas ocuparase o monologuista Pero Brandariz, que ofrecerá o seu espectáculo “Risas á galega” a partir das 22.00h. Os monólogos de Brandariz enmárcanse no programa de descentralización de actividades do departamento municipal de Cultura. 

Cando remate o humor -sobre as 23.00h.- comezará a parte musical -o “Birrarock”- co grupo santiagués Barbitúricos. O trío nacido no barrio de Aríns autodefínese como “a peor banda de punk/rock do mundo”, aínda que os seus compoñentes -entre eles o Ruxe-Ruxe Vituco Neira- acumulen unha longa traxectoria en grupos alternativos galegos.

San Loureiro en Santa Mariña

Por outra banda, en Santa Mariña do Monte celebran tamén o sábado o San Loureiro. A iso das 19.00h. contarán coa maxia do ilusionista Martín Camiña. O seu espectáculo mestura trucos de baralla, moedas, dados, cordas e outras sorprendentes maneiras de poñernos a pensar. A entrada é gratuíta e quen non poida asistir á sesión terá oportunidade de vela o sábado seguinte, día 31 de outubro, dentro do Magosto e o Samaín que organiza O Castelo de Narahío.

19 de outubro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.