publicidade hoxe

O Burela FS deixa dous puntos nos tres últimos minutos ante o Jumilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+
Encontro do Burela co Jumilla

Encontro do Burela co Jumilla

Vista Alegre viviu unha tarde de goles con sabor amargo para o Burela FS Pescados Rubén, que viu escapar unha vantaxe de 6-3 nos últimos tres minutos ante o Jumilla B. Carchelo.

Chino abriu o baile de goles na bombonera sen contemplacións tras contra iniciada por Iago Rodríguez. Faltaba un segundo para cumprirse o minuto 5 de xogo; antes Iago Míguez, cun balón que se paseou por diante da liña de meta, e Chano, picando ante Fede, xa deran o toque de atención. Dominaban os de Daniel Ibañes, pero Rubén Orzáez equilibrou o marcador pouco despois, no minuto 6, tras pugna con Edu ao bordo da área. Con todo, os laranxas volveron adiantarse nos seguintes compases cun lanzamento que volveu culminar Chino a pase de Iago desde a banda. Vista Alegre recuperou a igualada para os levantinos no 9, cun disparo de Cristian Rubio desde a banda que deixou no chan a Edu. Rozando o ecuador do primeiro acto, Iago Míguez tivo nas súas zapatillas tres balóns de ouro; quedou cravado diante de Fede nun pase de Chano primeiro, non puido materializar tras rexeite de Antoñito máis tarde e tentou a rede de Jumilla cun mísil que despexou o corpo da meta rival en última instancia. O merecido tanto o asinou Iago Rodríguez, no minuto 12, aproveitando un rexeite en xogada de estratexia, aínda que de novo o Jumilla volveu recuperarse, con Juandi a pase longo de Orzáez. Jorge perdoou dúas claras ocasións, no minuto 17 cun disparo que se estrelou contra o pau, e no 18, a porta baleira, con Cristian liderando a aposta de cinco dos levantinos. Nos últimos segundos os de casa tamén saíron con porteiro-xogador.

Tras o descanso, os de Burela encamiñaron de novo o partido para levar o tres puntos. Resistiuse o esférico no minuto 24 ante Antoñito, salvando Simón na liña de meta, pero Chano non titubeó no 27 materializando o 4-3 de penalti por man da Macías. Chegaban con claridade os burelistas á área do Carchelo, sen fortuna na finalización, ata que Iago Míguez ampliou a brecha (minuto 31) en galopada con Iago Rodríguez, asistido por Chino; antes Edu salvara o empate. A falta de seis minutos para o final, o Jumilla optou por xogo de cinco e aí chegou o 6-3 de Hélder, que aproveitou o rexeite do pau tras tentativa de Edu a porta baleira. Todo presaxiaba a recuperación da boa senda, pero o rival seguiu apostando polo porteiro-xogador e así puido achegarse máis con goles de Simón e Terry nos minutos 37 e 38. O definitivo 6-6 subiu a falta de 38 segundos para a bucina, con Chino defendendo baixo os paus. Aínda tentou reaccionar o Burela FS con Iago Rodríguez de cinco, sen éxito.

17 de outubro de 2015 | 22:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.