publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O bo tempo animou a asistencia ao mercado local de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Mercado en San Sadurniño

Mercado en San Sadurniño

O mercado local deste último domingo do mes de outubro viuse favorecido por un ceo completamente despexado e unha temperatura moi agradable, que axudaron a animar o encontro co comercio de proximidade. De novo foron os alimentos e os produtos da terra os que mellor saída tiveron, anque tamén houbo quen levou artesanía e artigos de segunda man como libros, discos descatalogados ou obxectos de utilidade noutro tempo que hoxe serven para darlle un toque decorativo a calquera recuncho da casa.

A xente madrugou pouco malia que os corpos durmiron unha hora máis na noite do sábado para o domingo. O mercado rexistrou pouco movemento nas primeiras horas e foi a partir das 12 cando os carreiros dos xardíns municipais se empezaron a encher de visitantes. Repetiuse de novo a mecánica doutras veces: chegar, dar unha volta de vagar para ver todo o que había e, posteriormente, outra volta para comprar.

Entre os algo máis de 60 postos montados había moito onde escoller: roupa de ocasión, artesanía, coleccionables, obxectos vintage -bicicletas antigas, teléfonos “góndola” sen estrear, tocadiscos, xoguetes, bonecos de plástico, garrafóns, máquinas de fotos e de coser, etc.-, louza, trofeos para xente amante de todo o kitsch, artesas e alzadeiros, plantas e alimentos, tanto frescos como transformados.

Foron a planta e a alimentación quen mellor funcionaron. Nun caso ofrecendo flores agora que estamos no tempo de engalanar os cemiterios e no outro poñendo a disposición do público unha variada oferta de produtos entre os que destacaron as noces, magníficas castañas a 2,5 euros o quilo, cabazas, melóns, mazás, especias, mel recén extraída e un completo surtido de embutidos, queixos, empanadas, fabas e todo o imaxinable para encher a bolsa da compra.

O departamento de Desenvolvemento local destacou a “afluencia de público tanto ao mercado como aos locais hostaleiros da zona” e, sobre todo, “a boa saída” que tiveron os produtos da terra. A próxima cita será no mes de decembro nunha data pendente aínda de concretar.

26 de outubro de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.