publicidade hoxe

O Alcalde de Caldas reúnese coas ANPAS para mellorar a organización educativa do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de Reis
A-
A+

Esta mañá o Alcalde de Caldas reuniuse cos representantes das ANPAS de todos os centros educativos do municipio, co obxectivo de mellorar a organización de toda a comunidade educativa, atender as súas demandas e informarlles dos servizos que o concello pon á súa disposición para o período escolar.

Coincidiron os asistentes en que as ANPAS deben ser as entidades onde se organice a participación familiar nas actividades do centro, colaborando entre todos para a mellora na educación dos fillos.

Juan Manuel Rei confirmou o inicio dos cursos de apoio escolar que o Concello pon a disposición dos alumnos que o necesitan, e ademais dos voluntarios que cobren o servizo, tamén contarán cun psicólogo de apoio.

Así mesmo, fixo fincapé na boa marcha das actividades deportivas que levan a cabo nos centros da man do monitor deportivo e que gozan de gran asistencia; así como a creación dunha Escola de Pais. Tamén confirmou que se manterán as axudas ás escolas infantís para os traslados ás diversas actividades e saídas culturais que realizan durante todo o curso.

O Alcalde solicitou a colaboración das ANPAS para pór en marcha todas as actividades e servizos.

Pola súa banda, os membros das distintas directivas comezaron a súa intervención felicitando ao concello polas xestións levadas a cabo durante o pasado ano escolar, xa que, en xeral, respondéronse a todas as demandas solicitadas.

Para este curso escolar solicitouse do concello algunhas demandas como limpezas puntuais de canlóns ou redes de sumidoiros, establecéronse pautas para a atención a nenos con necesidades sociais ou económicas, horarios e compatibilidades no Pavillón Municipal, a apertura dunha aula de estudo e a creación dun circuíto escolar de seguridade.

Con respecto a este último tema, concretaranse as medidas nunha próxima reunión máis específica coa Policía Local e outros axentes sociais e educativos.

20 de outubro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.