publicidade hoxe

O alcalde de Becerreá mostra a súa sorpresa pola dimisión de Santín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, expresou este mércores a súa “sorpresa” tras a dimisión do secretario provincial do PSOE, Juan Carlos González Santín, decisión que vincula o presidente do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, cun suposto “prezo” posto por Martínez para ceder nas súas pretensións de presidir a Deputación de Lugo.

Martínez, despois de Santín anunciase o martes que renunciaba á Secretaría Provincial recoñecendo que se ía “doído” co secretario xeral de PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou: “Persoalmente laméntoo profundamente”.

Ao seu xuízo, “o partido perdeu a unha persoa honrada, honesta e traballadora, que levou ao partido nesta provincia aos mellores resultados” tras as municipais do 24 de maio.

“Así recoñeceu o comité provincial celebrado o pasado 25 de setembro. Por iso sorpréndeme a súa decisión, eu esperaba que non acontecese aínda que tamén estaba no mentidero dende hai tempo”, comentou.

XESTORA

Martínez espera agora, coa nova xestora que se vai formar, que a mesma “se faga con persoas de varios sectores e integrando a todos aqueles que poidan achegar algo ao partido en Lugo”. “Estamos nunha situación difícil”, sinalou.

Ademais, resaltou de Santín que “foi dos poucos que neste proceso desagradable da constitución da deputación, que segue sendo unha telenovela, estivo á altura das circunstancias e vai ter o meu afecto e o meu recoñecemento sempre que o necesite”.

“Eu creo que aqueles que queren mel, que queren votos, teñen que deixar de dar patadas ás colmeas que é o que fan ultimamente en vez de traballar para que o partido se recompoña”, afirmou en alusión a Besteiro.

“ESCURANTISMO”

Pola súa parte, o presidente provincial do PP e voceiro no Senado, José Manuel Barreiro, asegurou que a dimisión de Santín “vai máis alá, polo momento en que se produce e polo escurantismo arredor das últimas actuacións”. “E refírome á moción de censura na Deputación”, abundou.

Segundo expresou, ten “dúbidas” e quere saber “se esta dimisión forma parte do pagamento ou do prezo para que Martínez cambiase de actitude”. “Aí non se explicou nada e cando Santín di que se vai doído, a mi faime pensar se isto ten que ver co dito por Martínez que pedira cabezas para cambiar de actitude”, sostivo o dirixente popular.

Sobre a entrada ou non no futuro goberno provincial do BNG que no ámbito galego mantén que non compartirá executivo con imputados, Barreiro cualificou esta situación como un “sainete”.

“O líder do BNG di que eles teñen un código ético que supón que os imputados non poden formar parte dun goberno. Non obstante, os deputados provinciais do BNG na Deputación din que van formar parte do goberno”, indicou.

Por iso, concluíu que os nacionalistas “teñen un código dependendo do interese que poida ter a nivel persoal e así no Concello de Lugo tivo un código ético que pasaba por non formar parte do goberno en función da imputación de Orozco e agora na Deputación van formar parte”, criticou.

Finalmente, José Manuel Barreiro censurou que “aquí se usou a Deputación como un negocio, como un comercio, onde están a xogar cos intereses de todos os lucenses”.

14 de outubro de 2015 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.