publicidade hoxe

O alcalde de Ares considera positivo que o anteproxecto do presuposto da Xunta recolla as inversións no centro de saúde e no colexio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAres
A-
A+

O alcalde de Ares, o socialista Julio Iglesias, recibiu esta mañá o anuncio por parte da Xunta de Galicia do anteproxecto dos presupostos presentados para 2016, no que se inclúen as partidas necesarias para a construcción do novo Centro de Saúde e a ampliación do CPI Conde de Fenosa. Deste xeito, o documento económico recolle unha inversión de máis de dous millóns de euros para as obras do centro de saúde e unha partida de 248.000 euros para o proxecto de ampliación do colexio.

Iglesias manifestou a súa satisfacción pola nova xa que, segundo as súas palabras, trátase de dúas infraestruturas prioritarias para os veciños e veciñas de Ares, polos que a administración local leva loitando moito tempo. Neste sentido, o rexedor sinalou que agarda que esta vez  a Xunta cumpra cos compromisos asumidos con Ares, unha vez que dende o Concello xa se levaran a cabo tódalas xestións e trámites esixidos dende o organismo autonómico.  No caso do Centro de Saúde,  o cumprimento das obrigas da administración local materializouse coa cesión da parcela anexa ao actual inmoble (coa oposición do PP local defensor de levalo a unha zona alonxada do casco urbán), a habilitación dun edificio municipal para ser utilizado como Centro de Saúde provisional durante as obras (que se ubicará no primeiro e segundo andar do antigo consistorio, na praza da Constitución) e a concesión da licencia de obra á Consellería dende o pasado 1 de abril. Dende o Consistorio lémbrase que a actuación no centro de saúde – que multiplicará por dous o espazo de pranta e o de alzado- suporá unha  mellora fundamental na prestación dos servizos sanitarios coa habilitación de novas salas de consulta adaptadas ás necesidades dun municipio cunha poboación en notable aumento dende os últimos anos.

En canto á ampliación do Colexio, o Concello fixo tódolos trámites necesarios, tales como a cesión dos terreos para poder levala a cabo hai máis dun ano-  tamén coa oposición do PP local- o que supuxo redactar e aprobar unha modificación das normas subsidiarias que permitise aumentar o espazo dotacional do actual centro, que polas súas dimensións facía inviable a súa ampliación ao non contar coa superficie suficiente, e poder adaptalo deste xeito ás necesidades do alumnado e á regulamentación vixente na materia.

Á vista do anuncio de hoxe, o alcalde de Ares felicítase pola inclusión das partidas para ambos proxectos e agarda que nesta ocasión se cumpra cos compromisos asumidos e a  execución destas dúas infraestruturas se convirta nuha realidade canto antes.

23 de outubro de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.