publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nove persoas detidas nun duro golpe a Resistencia Galega

Europa Press
Detencións Operación Jaro

Detencións Operación Jaro

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou este venres que son nove as detencións que se practicaron en cinco concellos das provincias da Coruña e Pontevedra e que se trata de persoas da “contorna” de Resistencia Galega. “É un duro golpe á organización terrorista”, valorou.

En declaracións aos medios tras a inauguración da IX Asemblea da Fegamp, Villanueva precisou que se produciu unha detención en Santiago, outra en Boiro, outra en Muros, dúas en Pontevedra e catro máis en Vigo. Con todo, puntualizou que a operación, ordenada e dirixida pola Audiencia Nacional, continúa “aberta” e que haberá “unha serie de rexistros”.

Así mesmo, informou de que se está levando a cabo por parte do servizo de Información Central da Garda Civil e por axentes do mesmo corpo en Galicia. Sobre o momento en que estes arrestados serán postos a disposición xudicial, indicou que serán trasladados a Madrid “en canto se poida”. “Non sei se polo fin de semana poderá ser; pero se non, inmediatamente cando o tempo o permita”, apostilou Villanueva.

Preguntado se cre que estas detencións supoñen o descabezamento de Resistencia Galega, evitou confirmalo, pero si fixo fincapé en que constitúen “un duro golpe” a este “grupo terrorista”. “Toda a sociedade desexamos que se dea por descabezado”, proseguiu, e subliñou que “calquera actividade relacionada coa violencia e o terrorismo non ten cabida” nesta comunidade.

Acerca dos delitos que se imputan aos detidos, dixo descoñecelo e unicamente dixo que se trata de “actividades relacionadas” co terrorismo. “Seguramente enaltecemento do terrorismo e algunha cousa máis”, sinalou.

AUDIENCIA NACIONAL

O Ministerio do Interior informou que a ‘Operación Jaro’ está a desenvolverse en distintas localidades das catro provincias galegas, entre elas Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Boiro.

As mesmas fontes comunicaron que esta operación contra o enaltecemento do terrorismo foi ordenada pola Audiencia Nacional e está aberta desde última hora do xoves.

30 de outubro de 2015 | 11:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.