publicidade hoxe

Medio Rural veta a concellos e outras entidades na xuntanza sobre a velutina que se celebra en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Consellería do Medio Rural fixou para hoxe ás 17.30h. unha xuntanza con distintas asociacións apícolas para abordar o problema da velutina. Unha reunión á que, porén, non están convocados nin representantes dos concellos nin outras entidades que suscribiron xunto con AGA o listado de propostas de actuación inmediata para controlar a praga. De feito, a Xunta rexeitou explicitamente a presenza municipal no encontro, limitando a convocatoria a dúas persoas por cada asociación apícola do país. O edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, lamentou esta mañá “que a Xunta obvie a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendente e cunha necesidade de solución tan urxente”. Neste sentido, a plataforma creada en agosto reunirase hoxe en Santiago para decidir cales serán os seus seguintes pasos no caso de que Medio Rural non acceda a recibila “nas condicións en que llo tiñamos solicitado”. 

A propia Asociación Galega de Apicultura -a asociación que aglutina un maior número de gandeiros das abellas en Galicia- solicitara en xuño un encontro coa Xunta para avaliar a situación con respecto á avespa asiática e por en marcha medidas coordinadas para combatela. Unha reclamación á que se foron unindo outras entidades e que se concretaría a finais de agosto cunha reunión en San Sadurniño á que asistiron representantes municipais e doutros ámbitos tamén afectados polo problema.

Naquela xuntanza acordouse elaborar un documento común que recollese unha serie de propostas para atallar a praga. Entre elas modificar o protocolo para que as retiradas de niños se fagan só en horario nocturno, que se reduzan os tempos de resposta ante as alertas, que se intensifique a loita preventiva coa distribución de máis trampas e atraentes na primavera e no outono, que se busque finanzamento para paliar os prexuízos da velutina e para investigar sobre métodos de loita efectivos, que se fagan campañas de sensibilización e divulgación e, en último caso, que se conte con todos os actores implicados -concellos, asociacións apícolas e outras entidades- no control dunha invasión que se está multiplicando de forma exponencial cada ano.

Porén, ademais do listado de medidas urxentes -apoiadas nas últimas semanas por un total de 40 concellos-, a coordinadora nacida da reunión en San Sadurniño tamén quedou en instar á Xunta para reunirse con urxencia e falar dun plan de acción coordinado. Nunha carta remitida a Medio Rural o 8 de outubro, a AGA reiterou a solicitude do encontro “convocando ao sector apícola, concellos e outros colectivos afectados”.A consellería fixou ese encontro para a tarde deste mércores en Santiago, aínda que a el, finalmente, non están chamados nin representantes municipais nin doutros sectores afectados máis aló do apícola. 

Tal e como consta nas comunicacións dos últimos días, Medio Rural trasladoulle a AGA a data e a hora da reunión solicitándolle que enviase a relación de asistentes. A asociación remitiu os nomes do seu secretario técnico, Xesús Asorey, e dos responsables de cinco delegacións, ademais dos de representantes municipais de Ferrol, Neda, Ortigueira, Carballo, As Pontes, Ribadeo, Ourol, Ames e San Sadurniño. Canda eles tamén se incluiu a representación da Asociación da Froita Autóctona do Eume e da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Un listado que tivo por resposta un escueto correo da Xunta no que se remarcaba que á reunión -á que si están chamadas entidades apícolas- só estaban convidados dous representantes da AGA.

Diante deste xesto, o titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, cualificou a postura da Xunta como “un mal arranque para a busca dunha solución efectiva e consensuada con todos os actores implicados na loita contra a velutina”. 

O concelleiro sinalou que “son os concellos, os apicultores e outras entidades quen están asumindo directamente e cos seus propios recursos boa parte dunha guerra que polo de agora parece que están ganando as avespas”. “A Xunta é quen ten as competencias e estamos vendo que está desbordada. Todos, concellos, AGA, sector forestal e agrícola mostramos vontade de axudar… tendemos a man e semella que nola rexeitan”, engade Varela, ao tempo que se laia de que a Xunta “obvie a participación municipal e doutros sectores afectados nun debate tan trascendente e cunha necesidade de solución tan urxente”.

O edil anunciou que hoxe sobre as 16.30h. a representación da plataforma manterá unha reunión ás portas do edificio da Xunta para decidir os pasos que darán a partir de agora “se Medio Rural non reconsidera a súa postura e nos recibe nas condicións en que llo tiñamos solicitado”.

21 de outubro de 2015 | 14:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.