publicidade hoxe

Medio Ambiente organiza en Cervo unha ruta interpretativa da Mariña luguesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas organiza mañá en Cervo o primeiro dos roteiros interpretativos previstos no marco do proceso de participación pública do Catálogo das paisaxes de Galicia.

O percorrido supón unha introdución á paisaxe da Mariña Lucense, dentro da Grande Área Paisaxística A Mariña-Baixo Eo, que o sábado será a protagonista do obradoiro previsto en Burela e que está aberto á participación de todos os cidadáns.

Esta actividade procura activar a participación social e desenvolver unha maior conciencia sobre a responsabilidade individual e colectiva sobre a paisaxe e o territorio, así como mellorar o coñecemento e posta en valor da paisaxe galega.

Nos roteiros, as persoas clave de determinadas zonas da grande área paisaxística adoptan o papel de guía dos outros asistentes, que, xunto con eles, participan na identificación dos valores paisaxísticos a través de toma de fotografías e rexistros de imaxe e son. Finalmente, os expertos avalían as fotografías tomadas e seleccionan unha ou varias que mellor representen os valores locais da paisaxe.

En todos os roteiros búscanse unhas características comúns relacionadas coa relevancia das paisaxes cotiás, a convivencia de forzas diversas que articulan as escenas paisaxísticas polas que transcorren os percorridos e a presenza de elementos singulares utilizados a modo de contraste cos outros elementos cunha relevancia non tan perceptible.

Trátase de proporcionar aos asistentes unha experiencia persoal a través da cal valoren a súa paisaxe e comprendan novos conceptos, de acadar un contacto persoal cos axentes das grandes áreas paisaxísticas e de documentar os valores paisaxísticos a través de fotografías dos asistentes aos roteiros.

O percorrido de mañá ten previsto o seu comezo ás 11.00 horas, pero os asistentes están citados ás 10.30 no café O Almacén de Cervo para a presentación da actividade.

Obradoiros, web e concursos

Esta actividade foi deseñada como parte dun proceso participativo que continúa aberto e que inclúe obradoiros e unha plataforma de participación on line. Todo isto trata de manter abertas as vías de comunicación para que toda poboación teña a oportunidade de achegar o seu coñecemento local para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia.

O proceso de participación pública do Catálogo das paisaxes de Galicia deu comezo o 10 de setembro en Santiago de Compostela co primeiro dos obradoiros prácticos, unha iniciativa que xa chegou tamén ás Pontes, a Carballo ou a Lugo o pasado venres, 25 de setembro.

Trátase de xornadas de traballo pensadas para que tanto os axentes convidados polo seu coñecemento, como calquera persoa que o desexe, poidan facer as súas achegas para acadar unha mellor xestión e protección da área paisaxística na que se atope.
Coa realización dun taller en cada unha das 12 áreas paisaxísticas nas que se divide Galicia trátase de garantir a equidade espacial no proceso de participación, é dicir, de asegurar a posibilidade de participar á poboación de todos os ámbitos territoriais. Deste xeito, realizáranse un total de doce talleres distribuídos por toda a xeografía galega coa fin de asegurar, na medida do posible, que calquera persoa que desexa participar no proceso poda facelo.

Os participantes nestes talleres comprenden tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección atlaspaisaxe.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755 / 981541756.

Nestas actividades empregarase unha plataforma web (https://sixot.es/catalogospaisaxe/) que estará dispoñible para calquera persoa durante os meses de setembro e outubro, coa fin de que as persoas que non podan asistir aos talleres e desexen participar poidan facelo dende calquera lugar e en calquera momento.

Os restantes obradoiros terán lugar en Becerreá o 10 de outubro, en Viana do Bolo o 14 de outubro, en Ourense o 17 de outubro, en Xinzo de Limia o 21 de outubro, en Ponteareas o 24 de outubro, en Vigo o 28 de outubro e o 31 de outubro na Coruña.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten tamén en marcha un concurso para premiar a participación da cidadanía na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia. O obxectivo concreto desta iniciativa é promover a participación da xente a través da plataforma web. É por isto que para poder inscribirse na lista do sorteo é preciso estar correctamente rexistrado na plataforma SIXweb e ter participado na mesma a través da introdución de, cando menos, un lugar de interese paisaxístico. Entrará a formar parte da lista para o sorteo todas aquelas persoas maiores de 18 anos que escriban un correo electrónico a sorteopaisaxe@galiciasustentable.org, no que conste o seu nome, apelidos, DNI e nome de usuario na plataforma SIXweb. A inscrición para o sorteo poderá realizarse en calquera momento do proceso de participación ata o 5 de novembro de 2015. As bases permanecerás dispoñibles ao público en www.somospaisaxe.org/concursos.

Os premios consisten en 12 noites en réxime de aloxamento e almorzo nunha casa rural, unha por cada grande área paisaxística de Galicia. Cada premiado será seleccionado entre os usuarios da plataforma que introduciron datos para esa área paisaxística e recibirá como premio unha noite de aloxamento nunha casa rural desa área.

1 de outubro de 2015 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.