publicidade hoxe

Medio Ambiente libera no Grove á tartaruga Eduma atopada en xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLocal PortadaO Grove
A-
A+
Liberación de Eduma

Liberación de Eduma

A Xunta de Galicia liberou hoxe no Porto do Grove a tartaruga Eduma localizada no pasado mes de xuño na costa da Mariña lucense, no Concello de Foz. Os técnicos da Unidade Móbil de asistencia de varamentos do Cemma (Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños) que recolleron o exemplar observaron que tiña un comportamento pasivo, presentaba unha extrema delgadez (pesaba 1.600 gramos e medía 29 cm) e tiña feridas nas aletas e no caparazón.

Este réptil foi trasladado á unidade de coidados intensivos para tartarugas mariñas, onde se foi recuperando lentamente a medida que gañaba peso e cicatrizaban as súas feridas. Na segunda fase de recuperación, procedeuse ao traslado a unhas instalacións de maior capacidade no Acuario do Grove para que puidera nadar e alimentarse adecuadamente, así como recuperar máis peso e mobilidade.

Na actualidade, o exemplar acadou un peso de dous quilos e unha lonxitude de 30 cm, polo que se atopa preparado para a súa solta no mar.

Co obxectivo de coñecer información sobre as rutas e comportamentos destes animais mariños, Eduma foi marcada con un emisor satélite -tal e como se fixera coa tartaruga Rostro, tamén liberada este ano-, que facilitará datos que se integrarán ao proxecto de colaboración coa Sociedade portuguesa para a Vida Salvagem, coa que se desenvolven actividades dende hai máis de quince anos.

As costas de Galicia supoñen un paso oceánico no camiño das tartarugas mariñas que, procedentes das áreas de cría do Caribe, se distribúen polo Atlántico ao longo da súa extensa vida antes de voltar ás praias de orixe a reproducirse.

Aínda que o número de animais varados ao longo do litoral Galego non é moi abundante, debido ao seu delicado estado de conservación é preciso garantir a pervivencia de todos e cada un dos exemplares que aparecen con vida.

22 de outubro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.