publicidade hoxe

Manuel Mirás denuncia a paralización das obras da AP-9 en Sigüeiro por un problema burocrático de Fomento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, denuncia a paralización das obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro por un problema burocrático do Ministerio de Fomento. Mirás Franqueira explica que “nos anunciaron primeiro que as obras ían estar rematadas en agosto, despois en setembro e a última data fixada foi o pasado 15 de outubro. E cando chamamos para saber se o atraso ía ser moito maior, resulta que nos din que as obras están paradas no Ministerio de Fomento por temas burocráticos dos que non nos dan ningunha razón”.

O alcalde orosán apunta que “as máquinas levan máis de 15 días funcionando a ralentí e hoxe mesmo xa non había ninguén traballando” e considera que “xa está ben de atrasos por parte do Ministerio de Fomento”. Manuel Mirás lembra que “Fomento xa atrasou o inicio das obras máis de dous anos sen explicación nin xustificación algunha”. Ademais, asegura que esta paralización é especialmente grave “xa que non hai ningunha razón técnica nin orzamentaria, dende Fomento nos din que é un problema burocrático no Ministerio que está a prexudicar aos nosos veciños” 

Prexuízos aos veciños

Manuel Mirás explica que “este atraso sen xustificación está a prexudicar a toda a veciñanza pero, en especial, ás persoas que viven nas inmediacións e que tiveron que aturar varios meses de molestias pola circulación de camións pola zona onde se fixo o desmonte. No Concello de Oroso somos conscientes de que unha obra coma esta suporía molestias e mesmo tivemos que afrontar o enfado e as protestas deses veciños. O que non estamos dispostos é a que as obras se prolonguen de xeito indeterminado e sen razón algunha, pois é prolongar as molestias á nosa veciñanza sen ningún tipo de xustificación”. 

Por esa razón, o Concello de Oroso insta ao Ministerio de Fomento a resolver de inmediato os problemas de burocracia interna que están a atrasar a conclusión desta obra e a poñer en funcionamento canto antes a saída sur da AP-9 en Sigüeiro. O alcalde lembra que “por desgraza dende o Concello de Oroso non podemos facer nada pois, aínda que sempre demos as máximas facilidades para que a obra se faga canto antes, agora o problema está fora das nosas mans e o único que podemos facer é instar a Fomento a que resolva os seus problemas e remate a obra canto antes” 

Unha obra fundamental

Mirás Franqueira lembra que “estas obras son fundamentais para Oroso, tanto dende o punto de vista da mobilidade como dende o punto de vista económico. Por unha banda, minguarán gran parte do tráfico pesado que atravesa actualmente o centro de Sigüeiro e proporcionarán unha alternativa á N-550, contribuíndo a reducir os atascos que se producen na ponte de Sigüeiro e ofrecendo unha saída no caso dun accidente”.

Audasa, entidade que financia e executa a obra, comezou os traballos de construción do enlace sur da AP-9 en marzo de 2015, logo de que o proxecto fose aprobado en novembro de 2011 no derradeiro Consello de Ministros do Goberno Zapatero e tras case unha década de negociacións por parte do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, con ata tres ministros de Fomento diferentes. 

A día de hoxe, xa está construído o novo ramal de 1.430 metros de lonxitude para saída cara a N-550 dende Santiago, así como un paso superior de 76 metros que circula por riba da actual autoestrada. Tamén está listo o ramal de acceso á Sigüeiro dende a AP-9, para os vehículos procedentes de Ordes e se desprazou a área de toma de ticket das cabinas da autoestrada. Así mesmo, na N-550 está marcada con material de obra a nova glorieta que substituiría á actual intersección en T da saída da AP-9.

19 de outubro de 2015 | 20:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.