publicidade hoxe

Máis de 800 mozos incorporáronse como voluntarios en 128 proxectos de entidades sen ánimo de lucro e concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoia
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou o Espazo Xove de Noia, o segundo dos Encontros territoriais de Xuventude que se están a manter cos concelleiros de Xuventude e os profesionais da Rede Galega de Información Xuvenil co fin de facilitar a participación activa e o intercambio de experiencia e ideas. Este ano vanse a celebrar sete encontros, que terán lugar nos Espazos Xoves de Curtis, Noia, Carballo, Pontedeume e Ourense e nas Delegacións Territoriais de Lugo e Vigo.

Neste foro, Cecilia Vázquez destacou que a pasada semana remataron os proxectos enmarcados no Servizo de Voluntariado Xuvenil, que permitiu incorporar este ano en toda Galcia a 830 mozos e mozas como voluntarios en 128 iniciativas de entidades de acción voluntaria e concellos, cun investimento de 500.000 euros, que supón un 13,5% máis que o ano pasado. Ao respecto, dixo que este “é un programa pioneiro en toda España que conxuga os beneficios da acción voluntaria, como a solidariedade, a sensibilización cos máis vulnerables ou o compromiso coa sociedade, coa importancia que para os propios mozos e mozas ten participar nesta experiencia de educación non formal.”.

O Servizo de Voluntariado Xuvenil forma parte da renovación das políticas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que de accións baseadas no ocio e no tempo libre pasou a desenvolver programas pioneiros a nivel de todo o estado, que se sustentan na utilización da educación non formal como método de adquisición de novas habilidades e competencias.

Rede galega

A Rede galega de información xuvenil está composta por 248 Oficinas Municipais de Información Xuvenil, 69 Puntos de información xuvenil e 12 Espazos Xoves dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui, Vilagarcía e Ourense.

Este ano os Encontros xiran en torno a cinco temáticas: o programa de Garantía xuvenil, Correspondentes xuvenís, Educación non formal, Galeuropa e Iniciativas Xove. Por outra banda, hai que sinalar que os profesionais da Rede Galega de Información Xuvenil contan co Certificado profesional de informador xuvenil. Galicia foi pioneira en poñer en marcha tres procedementos de recoñecemento de competencias profesionais en información xuvenil a través da acreditación das súas competencias, adquiridas pola súa experiencia laboral e/ou pola formación obtida a través da educación non formal.

19 de outubro de 2015 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.