publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Lectura pública e música conmemoran en Ponte Caldelas o Día Internacional da Biblioteca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Día Internacional da Biblioteca en Ponte Caldelas

Día Internacional da Biblioteca en Ponte Caldelas

O Concello de Ponte Caldelas conmemorou o Día Internacional da Biblioteca cun acto literario e musical que contou coa presenza do alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro do BNG Manuel Barreiro, así como numeros público que se congregou no Centro Cultural para escoitar a actuación do grupo de corda “Laranxada de Limón” e a lectura pública de varios usuarios da biblioteca, entre eles varios nenos e nenas.

O acto comezou cunhas palabras emotivas pronunciadas polo alcalde, Andrés Díaz, quen lembrou este día sinalado no calendario internacional en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada no ano 1992, durante o conflito balcánico. O rexedor emocionouse cando lembrou a súa estadía na antiga Iugoslavia, no ano 1994, formando parte da forza de paz dos Cascos Azuis da ONU, onde tivo a ocasión de achegarse ata o lugar onde estaba calcinada a biblioteca e comprobar a magnitude da traxedia, motivo que inspira esta celebración internacional.

Andrés Díaz reflexionou sobre as inxustizas das guerras e sobre as enormes perdas humanas e culturais que producen. Lembrou que no incendio da biblioteca de Saraxevo arderon exemplares únicos no mundo de libros que deixaron de existir para o conxunto da humanidade.

O alcalde agradeceu a colaboración dos usuarios da biblioteca, especialmente aos máis cativos, neste acto cultural así como a dos membros da agrupación musical “Laranxada de Limón” e o persoal da biblioteca e animou a seguir reivindicando estes centros de lectura como lugares para espallar a cultura e o coñecemento da humanidade.

A continuación “Laranxada de Limón” foi intercalando as súasintervencións musicais, a base de temas galegos e latinoamericanos, coa lectura pública de varios usuarios da biblioteca. 

O evento rematou cun forte aplauso en agradecemento aos músicos e usuarios da biblioteca participantes neste acto reivindicativo e de recoñecemento internacioal da importancia dos centros de lectura.

Desde o ano 1997, cada 24 de outubro, conmemórase o Día Internacional da Biblioteca. A proposta xorde da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, en recordo da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada no ano 1992, durante o conflito balcánico. A iniciativa naceu co firme compromiso de fomentar o encontro dos lectores coa cultura, destacando as bibliotecas como centros socializadores e integradores.

Este ano encárgase a un escritor e a un ilustrador, ambólos dous de recoñecido prestixio, a redación do pregón e o deseño do cartel que se difunde entre tódalas bibliotecas de España, asociados e interesados. Este ano os actores selecionados son Diego Arboleda, Premio Nacional de Literatura Infantil 2014 e a ilustradora Leticia Ruifernández, respectivamente.

21 de outubro de 2015 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.