publicidade hoxe

‘Galicia Escena Pro’ reunirá en Santiago máis de 120 profesionais do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación de "Galicia Escena Pro". Foto: A. Varela

Presentación de “Galicia Escena Pro”. Foto: A. Varela

Máis de 120 profesionais das artes escénicas daranse cita a semana que vén en Santiago con motivo da terceira edición de ‘Galicia Escena PRO’, que terá lugar do 3 ao 6 de novembro arredor dun programa con 24 espectáculos en cartel e diferentes actividades paralelas. Organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), este mercado escénico ten como prioridade dinamizar a contratación dos espectáculos producidos en Galicia, ofrecéndolles ás compañías un espazo para o encontro cos responsables da programación de festivais e escenarios públicos e privados.

Ao tempo, Galicia Escena PRO busca funcionar como plataforma para unha maior proxección social do conxunto das artes escénicas. De feito e como en anos anteriores, o público non acreditado poderá asistir de xeito gratuíto ás representacións programadas en catro escenarios da cidade: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal. O acceso será libre ata completar a capacidade dos espazos e previa retirada das invitacións na billeteira correspondente desde unha hora antes do comezo da función.

Variedade nas liñas de traballo

A programación completa foi presentada hoxe no Salón Teatro por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Agadic; e o crítico teatral Camilo Franco, integrante da comisión encargada da selección dos espectáculos deste ano, dos que 14 se exhibirán completos e 10 en formato ‘showcase’. Os tres coincidiron en sinalar que Galicia Escena PRO achégalles, tanto aos programadores como ao público non profesional, unha oportunidade de lle tomar o pulso á actualidade escénica galega e comprobar a variedade das liñas de traballo que están a seguir as nosas compañías.

Así, na carteleira de espectáculos completos –que este ano ampliou de 11 a 14 o número de títulos programados– preséntanse dúas estreas absolutas (‘Calypso’, de Voadora e ‘Unhas poucas picadelas’, de Teatro de Ningures) xunto con outras cinco propostas teatrais para público adulto: ‘Panamericana’, de A Panadaría; ‘Noiteboa’, de Redrum Teatro; ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Sarabela Teatro; ‘O principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico; e ‘Presidente’, de Teatro do Morcego. Hai, ademais, un espectáculo de danza circo (‘AIREnoAR’, da compañía homónima) e seis propostas para público infantil, entre as que atopamos teatro de actor, de monicreques e danza (‘Luppo’, de Baobab Teatro; ‘Feo!’, de Caramuxo Teatro, ‘Jim e a Illa do Tesouro’, de Eme2 emoción&arte; ‘Xoga’, de Entremans; ‘Don Quixote, unha comedia gastronómica’, de Limiar Teatro; e ‘Peer Gynt’, de Viravolta Títeres).

Tamén no apartado de ‘showcases’, con 10 propostas seleccionadas, as compañías de referencia no panorama teatral galego conviven con novas formacións que están a traballar no ámbito das novas tendencias, como é o caso de ArtesaCía con ‘Zugunruhe’ e Colectivo Cinema Sticado con ‘STRPTS//Episodio 1: Mirlo&Rula’. Ambas as dúas diríxense ao público adulto, do mesmo xeito que ‘Os amos do mundo’, de Bucanero, e ‘O furancho’, de Ibuprofeno Teatro, e as producións coreográficas ‘Ulises e a nena durmida’, de Ánxela Blanco, e ‘Abrente’, de Nova Galega de Danza. Para todos os públicos está pensado o espectáculo ‘Baraka’, do Mago Xacobe, mentres que outros tres títulos están ideados para os espectadores máis novos: ‘Non toques os meus círculos’, de Artello Teatro; ‘Xurdefet’, de Berrobambán; e ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro.

Actividades paralelas

Unha das novidades deste ano en Galicia Escena PRO é a incorporación dunha sesión de presentacións de proxectos en formato ‘pitching’ como acción promocional complementaria á exhibición de espectáculos. Un total de 15 compañías galegas (Galeatro, Fantoches Baj, Triatreros Grupo de Teatro, SMART, Lucecús Teatro, EducaTeatro Producións, Culturactiva, Teatro da Semente, Uxía e Magín Blanco, Talía Teatro, Carlos Neira e Paula Ballesteros, Teatro do Noroeste, Producións Teatráis Excéntricas, ButacaZero e Antagonista Teatro) participarán nesta acción especial, que terá lugar na mañá do venres 6 no Museo Fundación Eugenio Granell e á que están convidados todos os responsables da programación dos teatros, auditorios, salas e mostras acreditados.

Ademais, outros 25 profesionais do sector participarán na mañá do martes 3 nun seminario de estratexias dixitais para compañías escénicas, para o que a Agadic conta coa colaboración da Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español (Cofae). Pepe Zapata, socio da consultora Teknecultura, será o encargado de impartir este obradoiro co obxectivo de lles achegar aos participantes unha serie de ferramentas e técnicas que lles permitan optimizar de xeito inmediato a súa estratexia de marketing e comunicación dixital, así como a medición dos resultados.

Este programa de actividades paralelas inclúe tres momentos especialmente programados para propiciar o intercambio distendido entre todos os inscritos, así como a celebración dos II Encontros Cofae co sector e da asemblea xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Galicia Escena PRO ten preparado, así mesmo, un concerto especial de Uxía e Narf no que interpretarán os temas de ‘Baladas da Galiza imaxinaria’, o seu primeiro disco conxunto. Programada como actividade de peche da carteleira de exhibición, a cita será na noite do xoves 5 na Casa das Crechas.

29 de outubro de 2015 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.