publicidade hoxe

Fin de semana pasado por auga para a Escuadra Cerdedoenrali en Estoril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoDeportes
A-
A+
Cerdedoenrali

Cerdedoenrali

O Autodromo de Estoril acolleu o pasado fin de semana unha nova cita do Campionato de España de Resistencia. Juan Campos e o seu equipo, tras a experiencia positiva na anterior carreira disputada en Navarra, decidiron convidar de novo ao piloto pontevedrés e promesa do automobilismo galego Alexis Vieitez a compartir o volante do Seat Leon na proba lusa.

Durante o fin de semana celebráronse dúas carreiras dunha hora de duración  e en cada unha delas conducen os dous pilotos, o cambio de piloto prodúcese no ecuador da carreira e supón un aumento da emoción á xa de seu espectacular proba do Campionato de España de Resistencia.

 Os adestramentos do sábado celebráronse en condicións de choiva extrema, algo que dificultou en gran medida as evolucións tanto de Juan Campos como do “novato “ Alexis Vieitez, ao non dispor o equipo de pneumáticos para esa condición meteorolóxica.

Na primeira das carreiras, disputada na matinal do  Domingo, tamén en piso mollado, o equipo adoptou unha estratexia conservadora, xa que sen pneumáticos de auga tratábase de chegar co coche intacto a meta. Oitavo lugar da Categoría e Primeiro podio de Alexis como gañador do trofeo Junior, reservado a participantes menores de 25 anos.

A segunda das carreiras, disputada ao mediodía serviu para facer unha demostración de forza. Alexis realizaba unha boa saída coa pista aínda húmida e encargábase na primeira metade da carreira de progresar aos poucos. Foi a partir da metade de carreira, cando o experimentado piloto Juan Campos destapou o tarro das esencias e demostrou por que está nos postos de cabeza do Campionato. Incrible remontada e terceiro posto final.

Juan Campos: “Sabía que se se secaba a pista teriamos ritmo para gañar a proba, faltáronnos un par de voltas para culminar a remontada cun primeiro posto. En canto a Alexis cumpriu as expectativas, rodando en tempos moi próximos aos de cabeza de carreira.”  

Por outra banda o novo piloto pontevedrés Alexis Vieitez  declara: “Agradecemos moito a Juan Campos  a posibilidade que nos ofreceu de probar a súa Seat León en carreira, aprendemos moito tanto del como do seu equipo. Gustounos o circuíto de Estoril e estamos moi contentos cos dous primeiros postos alcanzados no Campionato Junior, e por suposto do terceiro posto da categoría xunto con Juan Campos. ”-

Durante o fin de semana tamén acompañaron ao equipo os dous afortunados afeccionados gañadores do concurso organizado polo Grupo Brea cunha noite de hotel e dous pases VIP.

13 de outubro de 2015 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.