publicidade hoxe

Especialistas en patoloxía respiratoria abordan novidades en tratamentos nunha reunión na Toxa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
Europa Press

Este venres e sábado especialistas en patoloxía respiratoria abordarán nun encontro na Toxa (Pontevedra) as novidades en tratamentos nesta materia. A 42 Reunión Anual da Sociedade Galega de Patoloxía Respiratoria e Cirurxía Torácica (Sogapar) e 32 Reunión Anual Galaico-Duriense terá lugar este 23 e 24 de outubro na Illa da Toxa.

Tras o acto inaugural, abordarán temas de actualidade dentro da Pneumoloxía, entre os que se inclúen novos tratamentos antifibróticos en fibrose pulmonar idiopática e futuras terapias biolóxicas para a asma bronquial dentro dunha medicación máis personalizada.

Segundo os expertos, considérase que máis dun 50 por cento de asmáticos “non están controlados” a pesar do tratamento regular con broncodilatadores e corticoterapia inhalada.

Durante as sesións debaterase tamén sobre o estado actual da investigación en España, sobre hipertensión arterial pulmonar, así como, en charlas interactivas, acerca de patoloxías moi prevalentes como é a EPOC, que afecta aproximadamente a 142.000 persoas en Galicia e ocupa o 10% das consultas en Atención Primaria e 30% de Pneumoloxía.

Así mesmo, falarán do tratamento cirúrxico do enfisema pulmonar, sobre trastornos respiratorios durante o soño, e realizarán unha revisión sobre dispositivos de inhalación.

A reunión será clausurada coa conferencia ‘Responsabilidade civil do persoal sanitario’, que tratará sobre a responsabilidade do persoal sanitario ante incidentes derivados da praxe médica.

22 de outubro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.