publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Economía, Emprego e Industria impulsa a modernización da praza de abastos das Pontes con 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs Pontes
A-
A+
Sol Vázquez e Belén do Campo na visita ao mercado das Pontes

Sol Vázquez e Belén do Campo na visita ao mercado das Pontes

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron esta mañá acompañadas polo alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a praza de abastos da localidade, unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade na que se están a realizar melloras cunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 120.000 euros.

As actuacións céntranse na cuberta e na remodelación do baixo cuberta, remodelándoa para dar acollida a unha planta con postos administrativos, oficinas e unha sala de reunións para os praceiros. Súmanse ás realizadas no 2013 e no 2014, que contaron tamén co apoio da Xunta. En total, o Goberno galego leva destinados desde o 2013 preto de 400.000 euros para actuacións no mercado pontés.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten no impulso ao sector comercial un dos seus principais eixos de actuación, vén de conceder apoios por 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.

Os concellos que realicen melloras nas prazas deberán poñer en marcha iniciativas dirixidas ao mentoring comercial para os praceiros, encamiñadas a aumentar a rendibilidade do punto de venda mediante técnicas de visual merchandising, a colocación do produto ou a atención ao cliente. Como novidade este ano, primáronse as iniciativas que inclúen a apertura dos mercados en horario de tarde ou a incorporación de aparcadoiros.

Estes apoios enmárcanse no novo Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, unha folla de ruta que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

21 de outubro de 2015 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.