publicidade hoxe

Doce obras preséntanse ao Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMalpica de Bergantiños
A-
A+

Un total de doce obras aspiran ao premio do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, que acada a súa décima edición e que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. O xurado reunirase nas vindeiras semanas, e o fallo farase público o vindeiro 7 de novembro, coincidindo coa celebración da Cea das Letras. Neste mesmo acto terá lugar a entrega do premio aos gañadores do ano pasado. Será unha entrega dobre, xa que o poemario “O episodio”, gañador da novena edición, está escrito a catro mans por Alberte Momán e Verónica Martínez Delgado. A obra, definida polo xurado coma unha proposta literaria “arriscada”, verá a luz o mesmo día 7.

Verónica Martínez xa obtivera un accésit no ano 2013 por “Ode à MadisonIvy e outras cousas de meter”, e Alberte Momán xa gañou a segunda edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, polo que ámbolos dous son vellos coñecidos de Malpica.

O premio convocado pola Asociación Cultural Caldeirón, coa colaboración do Concello de Malpica, está aberto a autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica e non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo alcalde, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica.

7 de outubro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.