publicidade hoxe

Cores Tourís visita o IES Francisco Asorey que será ampliado con cargo aos orzamentos do vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na visita ao IES Francisco Asorey

Cores Tourís na visita ao IES Francisco Asorey

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o IES Francisco Asorey para comprobar as necesidades deste centro que será ampliado a partir do próximo ano.

Na visita estivo acompañado polo concelleiro de Educación de Cambados, Víctor Caamaño, así como polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e responsables da Unidade Técnica deste departamento, así como polo equipo directivo do centro.

Tal e como explicou o delegado territorial, estas obras consistirán na ampliación do centro para a implantación da nova FP Básica e a adaptación dos ciclos profesionais ás 2.000 horas esixidas por Lei. “Introduciranse, ademais, melloras na edificación escolar para maior seguridade dos membros da comunidade”, asegurou Cores Tourís, quen avanzou que se construirán 7 novas aulas, baños e tamén despachos para os profesores.

“En total, o orzamento superará o millón de euros, e será executado en catro fases, a primeira delas, no 2016, destinándose para este fin 244.150 euros no orzamento autonómico do próximo ano”, engadiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra. Para o 2017, este proxecto será financiado con 780.284 euros. “O 80% do custo destas obras será financiado a través de Fondos Feder europeos, é dicir, 819.000 euros”.

Ademais, as obras contemplarán outras melloras, como a creación de sectores de incendio no edificio, un novo sistema de reserva de auga de incendios así como bombas para o mesmo fin; redimensionarase a sala de caldeiras existente , repararanse as xuntas de dilatación do edificio e se repararán as beirarrúas afundidas na entrada do edificio.

As obras executaranse o próximo ano “seguindo un plan de execución concreto que permitirá evitar interferir no funcionamento habitual do centro, de xeito que se levarán a cabo nas épocas vacacionais, fins de semana e tardes”, explicou pola súa banda o xefe territorial de Educación, César Pérez.

A primeira fase dos traballos suporá a execución dun estudio de viabilidade estrutural para o incremento dunha planta na edificación xa existente. Posteriormente demolerase a cuberta do actual centro e posteriormente ampliarase o mesmo con 661 metros cadrados en planta alta.

O IES Francisco Asorey de Cambados cumpre este ano 25 anos de existencia e conta con 595 alumnos, 13 deles en réxime de adultos, contando con grupos de ESO, Bacharelato de Ciencias, Humanidades, Artes, e Ciencias Sociais, grado medio y superior de FP y FP Básica.

23 de outubro de 2015 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.