publicidade hoxe

Cores Tourís despide en Mondariz aos brigadistas da base de helicópteros de Queimadelos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondariz
A-
A+
Cores Tourís en Mondariz

Cores Tourís en Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asistiu esta mañá ao acto de despedida dos brigadistas que traballaron na pasada campaña contra o lume na base de helicópteros de Queimadelos en Mondariz.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, así como do portavoz do PP nesta localidade, Julio Alén, do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e do xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

No distrito XVII no Condado-A Paradanta traballan 5 brigadas permanentes da Consellería de Medio Rural, incorporándose este verano outras 16 de prevención e extinción, dúas delas helitransportadas. Precisamente, José Manuel Cores Tourís visitou esta mañá a base de helicópteros de Queimadelos para despedir aos brigadistas que hoxe mesmo rematan a súa labor.

“As tres bases de helicópteros da provincia de Pontevedra atópanse en eixes estratéxicos de cobertura espacial de tal xeito que se poida chegar en menos de 20 minutos dende o inicio dun lume para atallalo e traballar na súa extinción, sendo así ferramentas imprescindibles na loita contra os incendios forestais, na vixilancia e na detención, así como na coordinación de máis medios aéreos dentro destes traballos”, explicou Cores Tourís. Os helicópteros, dentro da provincia de Pontevedra, tiveron este ano 427 saídas, das que 97 corresponderon ao helicóptero de Queimadelos.

Esta base forma parte da estrutura permanente da Xunta de Galicia dentro do dispositivo de medios aéreos e foi construída en 1999 no lugar de “Penalba e Portela”, no sitio do Coto de Castro. Está dotada para 3 helicópteros, cunha nave principal e unha caseta de madeira que fai de localización dos pilotos e técnicos.

“Na época de maior risco, operou un helicóptero tipo medio formado por un piloto, un técnico e catro brigadistas, levando un balde de 1.000 litros”, explicou pola súa banda o xefe do Servizo de Incendios. “A disposición dos puntos de auga fronte a localización do río Miño fai desta base un elemento indispensable dentro das operacións de extinción deste distrito foresta, ademais de poder atallar tamén incendios na provincia de Ourense”.

Na base de Queimadelos leváronse a cabo este ano obras de mellora coa retirada de madeira en mal estado da caseta das instalacións onde se atopa a emisora e pintouse o edificio principal. Ademais, tamén se instalou unha calefacción de biomasa de 10,2 Kw.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía, solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. “Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

Comunidade de montes de Mouriscados

Cores Tourís tamén aproveitou a visita a Mondariz para coñecer as melloras postas en marcha pola comunidade de montes de Mouriscados de cara a previr os incendios forestais, executadas grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural.

Na visita estivo presente o presidente da comunidade de montes de Mouriscados, Santiago González.

Este monte conseguiu para este ano dúas liñas de subvencións de cara ao control selectivo de combustible e a construción de puntos de auga. Estas axudas permitirán levar a cabo accións encamiñadas a eliminación e redución dos riscos de incendios forestais e a súa propagación.

Nesta comunidade de montes levarase a cabo un control selectivo do combustible en devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural aí como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade, segundo explicaron os seus responsables, “de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a diminuír o risco de propagación de incendios forestais e a minimizar os danos causados por estes sinistros se ocorreran”.

O delegado territorial acercouse ata o lugar onde se están a executar traballos nestes intres invitado pola comunidade de montes. En total, esta comunidade está a traballar sobre case 56 hectáreas grazas a orde de subvencións de prevención de incendios.

As brigadas da Xunta estiveron conformadas, na provincia de Pontevedra, durante a campaña do pasado verano, por 97 brigadas de terra e 6 helitransportadas, conformando un total de 529 persoas que realizaron 368,29 hectáreas de roza a mano. Este despregue xúntase con persoal doutras categorías fixo anuais de técnicos, axentes medioambientais e vixiantes, ata chegar a un total, xunto aos anteriores brigadistas, de 918 traballadores. “Como traballos complementarios á extinción, tamén se realizaron labores preventivas nos montes, desbrozándose un total de 1.400 hectáreas con tractor, grazas ao convenio de colaboración cos concellos da provincia”, explicou o delegado territorial.

29 de outubro de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.