publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Conde avalía cos empresarios de Foz as medidas para impulsar a competitividade empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde nunha xornada de networking con empresarios de Foz co obxectivo de escoitar as súas propostas e trasladarlle as principais liñas de actuación da Consellería en eidos como o financiamento, a innovación, a internacionalización, ou o apoio ao comercio de proximidade.

No encontro, celebrado no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) avaliáronse diferentes medidas para continuar a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas e a posta en marcha de novas iniciativas. Neste sentido, o conselleiro afondou nas accións contempladas na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que ten entre os seus obxectivos que a industria creza ata chegar ao 20% do PIB galego no ano 2020, e a creación de 50.000 novos empregos; ou nos diferentes instrumentos de financiamento dispoñibles no programa Galicia 1000.

A través dos diferentes programas e iniciativas, os últimos anos a Consellería que dirixe Francisco Conde destinou máis de 1,7 millóns de euros ao apoio de máis de 700 proxectos promovidos en Foz, impulsando investimentos de preto de 4 millóns de euros.

No eido da simplificación administrativa, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria lembrou a Lei do Emprendemento e da Competitividade, na que se suprimiron con carácter xeral as licenzas municipais de obra e actividade substituíndoas por unha comunicación previa, así como a creación das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), que asumen a responsabilidade do contido destas comunicacións fronte á administración pública.

Do mesmo xeito, Conde recordou o decreto que pon en marcha unha xanela única para a apertura de gasolineiras ou a próxima activación da oficina Doing Business, unha ferramenta pioneira que nace como unha canle áxil e directa de interlocución que permitirá escoitar a cidadáns, emprendedores e empresarios co obxectivo de simplificar e mellorar a tramitación administrativa de proxectos.

Francisco Conde trasladoulle así mesmo aos participantes na reunión que unha economía máis internacionalizada é sinónimo de fortaleza e competitividade, lembrando que a Xunta destinará ao desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 50 millóns de euros nos dous próximos anos.

8 de outubro de 2015 | 21:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.