publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comísanse máis de 110 quilos de centolo, dous vehículos e unha embarcación en varias actuacións contra o furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas, en colaboración con axentes da Garda Civil e da Policía Autonómica, requisaron nos últimos días máis de 110 quilos de centolo, dous vehículos e unha embarcación en diversos operativos contra o furtivismo realizados na Illa de Arousa e no Grove. Esta actuación forma parte do control que está levando a cabo a Consellería do Mar para vixiar a extracción ilegal de centolo, que permanece vedado ata o vindeiro 7 de novembro na provincia de Pontevedra –de Corrubedo ata A Guarda-.

Así, o Servizo de Gardacostas realizou tres operativos que tiveron como resultado o comiso de centolo. Nun deles, realizado no Grove, comisáronse máis de 38 quilos deste marisco, a embarcación empregada para a súa captura e o vehículo que se utilizou para o seu transporte. Nunha segunda actuación realizada nesta mesma localidade, os axentes fixéronse cunha gaiola con 40 quilos desta especie. Nun terceiro, desenvolvido na Illa de Arousa, os inspectores requisaron un furgón con máis de 33 quilos de centolo. Toda esta mercadoría tería un prezo estimado no mercado de arredor de 1.500 euros.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.

19 de outubro de 2015 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.