publicidade hoxe

Comezan as obras de mellora da intersección de acceso á igrexa de Doroña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilarmaior
A-
A+
Ethel Vázquez na visita ás obras

Ethel Vázquez na visita ás obras

A Xunta vén de iniciar as obras da mellora da intersección de acceso á igrexa de Doroña, no Concello de Vilarmaior, co fin de incrementar a seguridade viaria nesta zona. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, supervisou hoxe estes traballos que comezaron esta semana.

Vázquez remarcou que “esta obra suporá un beneficio notable para á intersección que dá acceso á igrexa de Doroña, na estrada AC-151, que une as localidades coruñesas de Campolongo e Montesalgueiro”. Engadiu que incidirá nunha maior seguridade viaria e na mellora da mobilidade e accesibilidade dos seus veciños.

Ethel Vázquez subliñou que “estes traballos, que se iniciaron esta semana, contan cun investimento por parte da Xunta de case 180.000 euros e estarán rematados antes de finais de ano”. A responsable de Infraestruturas do Executivo autonómico incidiu en que, “con esta actuación, damos cumprimento a unha demanda veciñal que no seu día nos trasladou o alcalde”.

Accións concretas

Neste momento, explicou que a intersección presenta un importante desnivel e atópase encaixada entre varias edificacións, nun área de reducida visibilidade pola presenza de curvas próximas. Por todo isto, insistiu “é preciso solucionar estas deficiencias co fin de dotar á zona dunha maior visibilidade, polo que se procederá a un cambio de trazado”.

O obxectivo desta actuación é desprazar uns 60 metros o punto de encontro coa AC-151; acondicionar o noiro da marxe esquerda da estrada, diminuíndo a súa inclinación, para que non supoña un obstáculo para a visibilidade; e, de modo complementario, construirase un camiño para dar acceso aos terreos situados á marxe da nova vía.

Seguridade viaria

Por último, Ethel Vázquez ratificou “a aposta da Xunta por continuar mellorando a rede viaria, sobre todo, a dos municipios máis pequenos”, polo que destacou “o compromiso de proporcionarlles aos cidadáns unha maior seguridade e accesibilidade: tanto aos veciños de Vilarmaior, primeiros beneficiarios da actuación de hoxe; como ás persoas que se acheguen a visitar a igrexa de Doroña, ben patrimonial de estilo románico levantado no século XII; como ao conxunto dos usuarios que empregan esta estrada, sen esquecer tamén aos empregados da empresa de viveiros que se atopa nesta área”.

A titular de Infraestruturas subliñou que a mellora de seguridade viaria e a conservación representan unha prioridade absoluta para o Goberno galego, considerando que Galicia conta cunha das redes viarias máis extensas de España. Neste sentido, Vázquez concretou que entre 2009 e 2015 a Xunta leva investidos case 340 millóns de euros neste fin, dedicando unha media de case 68 millóns de euros ao ano a conservar estradas de titularidade autonómica.

7 de outubro de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.