publicidade hoxe

Comezan as obras de ampliación e afirmado da estrada no núcleo de A Fontenla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Obras na Fontenla

Obras na Fontenla

O núcleo de A Fontenla é o máis poboado de Erboedo, con máis de medio centenar de persoas habitantes segundo os datos do padrón municipal. A estrada que discorre por esta aldea está a aumentar o volume de tránsito de vehículos ao tratarse dun tramo da vía que comunica o núcleo de Paiosaco coa AC-400 (Soandres) e, por tanto, tamén coa terceira rolda de acceso á Coruña e ao aeroporto de Alvedro.

O Concello da Laracha deseñou un proxecto para aumentar a amplitude da plataforma da calzada en A Fontenla ata alcanzar os seis metros e renovar o pavimento dotando ao firme cunha capa de aglomerado asfáltico en quente, o que permitirá aumentar a seguridade nesta vía ao longo de 850 metros de lonxitude. 

As obras comezaron a executarse esta semana por parte da empresa Construcciones López Cao, que está a avanzar nas labores de escavación sobre o terreo que posteriormente albergará o sobreancho da estrada. Neste sentido desde o Concello da Laracha agradecemos as facilidades ofrecidas polos propietarios das parcelas afectadas para poder proceder á ocupación do ámbito preciso e poder levar a cabo o proxecto. 

Unha vez estean realizadas as obras de ampliación e nova pavimentación, a actuación completarase coa correspondente sinalización horizontal e vertical. 

Neste proxecto invístense máis de 75.000 euros e son un exemplo máis do esforzo investidor desenvolvido polo Concello da Laracha na mellora e mantemento da rede viaria municipal, tanto con cargo a plans financiados integramente con fondos propios como aos que se desenvolven coa colaboración económica doutras administracións. 

Neste sentido, a actuación en A Fontenla terá continuidade en próximas datas xa que o Concello da Laracha ten adxudica unha actuación no tramo da mesma estrada entre O Areal (límite con Arteixo) e Maseo (Coiro). No próximo exercicio o goberno local pretende acometer proxectos de similares características noutros dos tramos da mesma vía. 

27 de outubro de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.