publicidade hoxe

Coempo e Abanca asinan un convenio de colaboración auspiciado polo concello de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Presentación do convenio

Presentación do convenio

ABANCA e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas (Coempo) veñen de asinar un acordo de colaboración, auspiciado polo Concello de Ponte Caldelas, co obxectivo de reactivar a actividade comercial e empresarial  nesta localidade pontevedresa.

A sinatura do acordo e a presentación do mesmo realizouse no salón de actos do Centro Cultural de Ponte Caldelas e contou coa presenza do presidente da asociación, Jesús Peleteiro, o director de Zona Pontevedra Ría de  ABANCA, Alberto Varela Reiriz, o alcalde Andrés Díaz e o tenente de alcalde Enrique Vidal.

O protocolo asinado recolle unha ampla e competitiva oferta de produtos deseñados para este fin, entre os que destacan préstamos para anticipar subvencións ou aprazar o pago de impostos, sen xuros ou comisións. O texto tamén inclúe outras opcións de financiamento a través de pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. 

Dende as oficinas de ABANCA tamén se facilitará a información relativa ás opcións de financiamento a través do convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, así como outros acordos financeiros co ICO, Igape e SGR. A entidade tamén porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.

Servizo APLAZOS E O PROGRAMA CERO COMISIÓNS 

Para facilitar a competitividade no mercado dos asociados, os clientes poderán acceder ao novo servizo de financiamento no punto de venta de ABANCA, chamado APLAZOS. Deste xeito, permítese simplificar e axilizar o financiamento instantáneo de produtos e servizos. 

Os profesionais pertencentes a esta asociación poderán beneficiarse tamén das vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. 

Os contidos deste convenio serán tamén explicados persoalmente a cada asociado en vindeiras xuntanzas que farán técnicos comerciais de ABANCA que visitarán tódolos establecementos de Ponte Caldelas asociados a COEMPO. 

O alcalde, Andrés Díaz, salientou este esforzo por achegar ferramentas ao comercio local para poder gañar en competitividade e axudalo a saír nas mellores condicións posibles da crise e manifestou o desexo de equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas de seguir colaborando coa entidade crediticia galega.

7 de outubro de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.