publicidade hoxe

Chega a Cambre o Festival Internacional de Títeres Consorcio As Mariñas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

O pasado sábado 26 de setembro comezaron as representacións do XI Festival Internacional de Títeres Consorcio As Mariñas, que nesta nova edición trae aos concellos que integran o Consorcio As Mariñas algunhas das mellores compañías de teatro de monicreques iberoamericanas, españolas e galegas, coa presenza de especialistas procedentes de Arxentina, Chile, Valencia, Castilla La Mancha, Andalucía, Madrid, Euskadi ou Bélxica. En concreto, o Festival reunirá durante un mes a vinte compañías que realizarán 24 representacións. No concello de Cambre  a derradeira das representacións terá lugar o domingo 25 de outubro, ás 18:30 h no Centro Sociocultural da Barcala a cargo da Compañía  Títeres  Cachirulo que presenta “A Figueira do Demo”, un  espectáculo baseado na obra de Roberto Vidal Bolaño Romance dos Figos de Ouro  adaptado para nenos e nenas a partir de 5 anos.

Financiado pola Deputación da Coruña, o Festival Internacional de Títeres Consorcio As Mariñas, ten como obxectivo favorecer as inquedanzas culturais, artísticas e sociais dos municipios que integran o Consorcio (Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada), facilitando deste modo o acceso a ofertas lúdicas de calidade a súa poboación, así como achegar a cultura dos monicreques e introducir tanto ao público adulto como infantil no mundo do teatro.

Un ano máis, o Festival deste ano salienta pola variedade da programación e de técnicas xa que inclúe obras con bonecos de luvas, sombras, marionetas con fíos, de mesa, narracións, teatro de máscaras, mesa e vara, entre outras, para achegar ao público a  gran variedade de estilos tanto no deseño dos personaxes coma na manipulación destes, así como a diversidade de liñas de argumento e de expresión artística que caracterizan ao teatro de monicreques contemporáneo. Ademais, haberá obras para diferentes idades. 

21 de outubro de 2015 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.