publicidade hoxe

Carmela Silva comprométese co alcalde da Illa de Arousa a reivindicar o centro de saúde que a Xunta segue sen construír

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na reunión co alcalde da Illa de Arousa

Carmela Silva na reunión co alcalde da Illa de Arousa

Na súa primeira visita oficial á Illa de Arousa a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comprometeuse co alcalde, Carlos Iglesias, a que defenderá na súa reunión co presidente da Xunta de Galicia, Núñez Feijóo, a histórica demanda do municipio para que o Goberno galego constrúa o centro de saúde tan longamente demandado polos veciños. “Estamos a falar dunha necesidade de primeira orde, dixo Silva, e é absolutamente imprescindible que a Xunta salga xa dicindo que o vai construír. A Deputación tamén ten que ser unha interlocutora dos concellos e teño claro que trasladarei a outras administracións, Xunta e Goberno central, as demandas dos equipamentos básicos dos municipios”.

Nese mesmo sentido a presidenta da Deputación urxiu o Goberno central a que asuma o compromiso coa Illa do executivo de Zapatero para rehabilitar tres vivendas modernistas que permitirían abrir un centro de lecer para os maiores e unha biblioteca municipal. “É un proxecto estrela e por iso é incomprensible que o Goberno de Rajoy e Ana Pastor, cando ambos son desta provincia, o abandonase. Estes días a ministra non deixa de adquirir compromisos, supoño que serán electorais, pero xa que o fai que se comprometa coa Illa e o deixe asinado”, engadiu Silva.

A presidenta tamén anunciou que no Plan de Emprego de 2016 terá en conta algunhas demandas dos concellos para dotar de maior flexibilidade a organización das xornadas laborais dos traballadores e o número de empregos, así como o perfil profesional. “Queremos dar resposta a esas peticións e hai que estudalo porque son os alcaldes os que mellor coñecen as necesidades reais para poder prestar servizos básicos”.

Tamén se estudarán as demandas daqueles concellos coma A Illa, “que sufriron a falta de investimentos do goberno do PP na Deputación cunha repartición de fondos inxusta e arbitraria”. “Só fai falta ver os equipamentos que teñen aqueles municipios onde gobernaban e as enormes carencias que teñen os outros”, dixo Carmela Silva.

Tras a súa reunión co alcalde a presidenta tamén informou de que o Centro de Usos Náuticos da Illa segue a súa tramitación. “Esperamos ter o informe canto antes, co que se procederá á súa licitación e o inicio das obras terá carácter inmediato”.

13 de outubro de 2015 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.