publicidade hoxe

Cangas acolle a primeira reunión do GAC Ría de Vigo-A Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Grupo de Acción Costeira de Ría de Vigo A Guarda foi seleccionado como candidato a Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro para o vindeiro período de programación 2014-2020 do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Por iso, o Grupo pretende poñer en marcha o proceso de elaboración da Estratexia de desenvolvemento local participativo (EDLP) “que recolla o sentir da xente que queira seguir vivindo do mar tecendo un futuro sostible e beneficioso para todas as persoas”.

Esta estratexia estará orientada ao financiamento comunitario da zona pesqueira, que comprende aos concellos de Cangas, Baiona, A Guarda, Moaña, Nigrán, Oia, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Vigo e Vilaboa. As estratexias deben ter un enfoque integrado e multisectorial, unindo o mar, a costa e a terra, e promovendo a creación de redes entre os distintos grupos de interese. 

Dentro deste proceso contémplase a realización dunha serie de mesas sectoriais de traballo que abordarán a elaboración da EDLP dende diferentes ámbitos: o pesqueiro, o económico (principalmente o turismo) e o do patrimonio natural e cultural.

A concelleira do Mar de Cangas, convida a esta primeira reunión, o 13 de outubro en Cangas, a todos os interesados en participar activamente nas mesas de traballo que se levarán a cabo no Centro Social (Av.Castelao, 4) dada a importancia dos temas a tratar. Constará de tres mesas: de ámbitos pesqueiro, ambiental e do patrimonio, e económico, entre as 17:30 e as 19:30 horas. “Despois de anos sen que Cangas participase activamente no GAC-7, acoller a primeira reunión no noso concello é un aliciente importante pois así a nosa veciñanza pode participar directamente nas decisións sobre parte do orzamento que a Unión Europea lle outorga ao noso mar”.

9 de outubro de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.