publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Caínzos reunirase cos alcaldes da zona de influencia do IES de Curtis para analizar as alternativas de FP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

O alcalde curtiense, Javier Caínzos, reunirase cos alcaldes dos municipios de Vilasantar, Sobrado, Boimorto, Mesía, Aranga e Frades o próximo dia 28 de outubro para abordar con eles as posibles alternativas sobre os ciclos de FP que se solicitarán para o IES de Curtis á Consellería de Educación o próximo curso escolar.

O rexedor, que pretende conseguir que se implanten novos ciclos despois de que se retiraron dous este ano por non cubrir a cota de matriculacións, trasladará aos seus homólogos un diagnóstico do problema e unha análise das distintas alternativas que se barallaron onte na reunión mantida entre Caínzos e a edil de Educación, Eva Lata, con representantes da ANPA, a dirección do IES, unha técnica municipal (orientadora laboral) e unha concelleira do Bloque, á que o Goberno local convidou a participar.

Entre os asuntos da orde do día, abordouse a situación do IES curtiense, con 320 alumnos, puxéronse sobre a mesa algúns ciclos alternativos e acordouse que a técnica municipal e os profesores elaborarán unha memoria con todos os requisitos que se necesitan para o estudo, que se abordará nunha nova reunión en novembro.

Para o concello, é importante solicitar a colaboración dos alcaldes e coordinar cos municipios adscritos á área de cobertura do IES de Curtis, de máis de 20.000 habitantes, o desenvolvemento do estudo dos intereses dos alumnos e as necesidades de formación reais para poder axustar unha oferta de futuro. O rexedor insistirá, como xa feito en varias ocasións ante a Consellería de Educación e explicou no Pleno municipal, na importancia de actuar conxuntamente para manter a igualdade no acceso á educación, “o que é clave para asentar a poboación no noso territorio”.

16 de outubro de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.