publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Caínzos acorda cos municipios da área de influencia do IES de Curtis presentar unha proposta conxunta de FP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

A reunión promovida polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, cos rexedores de Aranga, Frades, Mesía, Vilasantar, Boimorto e Sobrado para abordar o futuro dos ciclos de FP no IES de Curtis, que dá cobertura educativa a esta área de máis de 20.000 habitantes, pechouse cun acordo para pechar de maneira conxunta a proposta que se presentará á Consellería de Educación o próximo curso escolar.

Na reunión celebrada esta mañá en Curtis, Caínzos explicou con detalle os pasos dados até o momento polo concello curtiense coa directiva do IES de Curtis e a ANPA co fin de recuperar os ciclos formativos despois de que este ano Educación eliminase os de Administración e Electricidade por non cubrirse na súa totalidade as cotas de matriculación. O rexedor destacou a importancia de presentar para o próximo curso unha proposta de ciclos de FP alternativa que se axuste ás necesidades reais do mercado como forma de garantizar nun futuro a igualdade no acceso á educación nas zonas rurais.

Todos os alcaldes da área de influencia do IES curtiense comprometéronse a elaborar un estudo das necesidades de cada municipio cos técnicos e cos centros educativos e a presentalo nunha nova reunión que se celebrará a última semana do mes de novembro. Con todos os datos que se presenten prepararase un informe final coa proposta que se elevará á Consellería de Educación. Ademais, os rexedores comprometéronse a levar para a súa aprobación en Pleno a proposta consensuada para reclamar a Educación que atenda ás súas demandas. 

Á reunión acudiron os alcaldes de Curtis, Aranga, Mesía, Vilasantar, Boimorto e Sobrado, así como o primeiro tenente de alcalde de Frades e a concelleira de Educación curtiense, Eva Latexe. 

28 de outubro de 2015 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.