publicidade hoxe

Benestar avanza un novo Plan galego de maiores que se centrará nos maiores de 55 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+
Beatriz Mato na celebración do Día Internacional das Persoas Maiores

Beatriz Mato na celebración do Día Internacional das Persoas Maiores

A Consellería de Traballo e Benestar está a avanzar actualmente na elaboración dun novo Plan galego das persoas maiores 2016-2020, que se vai centrar de forma especial no colectivo de máis de 55 anos, co obxectivo de que poidan manter a súa autonomía en condicións óptimas o máximo tempo posible.

Así o adiantou hoxe a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa participación no acto conmemorativo do Día Internacional das Persoas Maiores que organizou a Confederación Galega de Organizacións de Maiores (CO.GA.MA) en Teo.

Alí, explicou que esta nova folla de ruta estase a redactar desde unha perspectiva de “planificación participativa e escoita dos colectivos implicados”, polo que Mato invitou aos asistentes a que achegasen á Xunta as súas propostas e demandas co fin de incorporalas a este documento.

“Os maiores poden e débennos aportar moito”, reflexionou. Precisamente por esta razón, apostou por consolidar e ampliar a súa participación na sociedade, para que “a experiencia que atesouran sexan un verdadeiro activo”.

Neste mesmo sentido, destacou a necesidade de seguir fomentando as relacións interxeracionais, dado que o intercambio de valores entre os maiores e a mocidade “faranos máis fortes”. Ademais, “é preciso tamén que vexamos o envellecemento en positivo, porque non é só unha etapa máis da vida, pode chegar a ser unha das máis plenas e felices”, considerou a conselleira.

Tamén apostou por seguir avanzando pola senda do envellecemento “activo e saudable” e da promoción da autonomía persoal, dado que é importante que as persoas vivan os máis anos posibles “libres de situación da dependencia”.

Estratexia para a prevención da dependencia
Para avanzar en todos estes obxectivos, Benestar está a impulsar diversas iniciativas. Así, por exemplo, elaborouse a primeira Estratexia para a prevención da dependencia da historia da autonomía, que inclúe case 400 medidas ata 2020.

Ademais, xa está en funcionamento a carteira para persoas en situacións de dependencia e estase a ultimar a das persoas con autonomía. “Grazas a este novo modelo de atención, os usuarios poderán acceder aos servizos que precisan, creando un traxe á medida das súas necesidades, ampliando e diversificando os servizos, e facéndoos máis eficientes e de maior calidade”, concretou Mato.

A estas actuacións, hai que sumar aquelas que se desenvolven nesta materia en colaboración con Sanidade. En concreto, elaborouse o Plan Marco de Atención Sociosanitaria e a Estratexia de Cronicidade.

“A calidade de vida dos maiores é, en definitiva, unha prioridade para a Xunta”, rematou a conselleira, quen engadiu que esta consideración debe estenderse a toda a sociedade galega.

1 de outubro de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.