publicidade hoxe

Belén do Campo analiza cos alcaldes da Laracha e Malpica as medidas para mellorar o transporte público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaMalpica de Bergantiños
A-
A+
Belén do Campo na reunión cos alcaldes da Laracha e Malpica

Belén do Campo na reunión cos alcaldes da Laracha e Malpica

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, continuou esta mañá a rolda de reunións cos alcaldes da Costa da Morte para abordar a problemática en materia de mobilidade. Neste caso, recibiu no seu despacho aos rexedores da Laracha, José Manuel López, e de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga.

Por unha banda, o primeiro edil da Laracha amosou a súa preocupación pola redución de frecuencias e o cambio de horarios dos autobuses da liña Montemaior-Laracha, mentres que o seu homólogo en Malpica fixo o propio respecto a liña Carballo-Malpica. Ambos sinalaron que as modificacións levadas a cabo pola empresa concesionaria dos servizos está a provocar alteracións na rutina dos veciños e veciñas destes municipios que fan uso do transporte para acudir ás consultas médicas, ao seu posto de traballo, á Universidade ou aos distintos centros educativos.

Pola súa parte, Do Campo explicou que desde o seu departamento, en coordinación coa Dirección Xeral de Mobilidade, séguese a traballar para dar unha pronta solución a este asunto. De feito, xa se lle esixiu á concesionaria do transporte o restablecemento de todos os servizos recollidos no seu contrato, pois constatouse que as modificacións levadas a cabo carecen da autorización pertinente. Do mesmo xeito, segue aberta a inspección de todas as liñas co fin de determinar as sancións pertinentes derivadas deste incumprimento.

Desta forma, a delegada territorial ofreceu aos alcaldes da Laracha e Malpica “todo o diálogo e colaboración”, así como o apoio firme da Xunta, para obter a cooperación necesaria coas entidades locais para dar resposta ás demandas dos habitantes desta zona e ofrecer unha resolución dilixente a esta problemática.

Tes+Bus

Por outro lado, José Manuel López aproveitou o encontro para solicitarlle á delegada a ampliación das rutas no seu municipio, que xa forma tamén parte do Plan de Transporte Metropolitano, do programa de transporte escolar compartido Tes+Bus, unha proposta que Do Campo se comprometeu a tramitar para a súa rápida implantación. Trátase dunha iniciativa que conta dunha favorable acollida por parte dos cidadáns, pois amplía as posibilidades de mobilidade entre as parroquias do interior e o casco urbano do concello.

9 de outubro de 2015 | 16:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.