publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Bandia Ribeira gaña o premio Luís Ksado da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAs PontesLocal Portada
A-
A+

A fotógrafa Bandia Ribeira (As Pontes, 1979) é a gañadora do XII Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado, da Deputación da Coruña, coa serie titulada “O voo do “midgie”. A obra da fotoxornalista Bandia Ribeira impúxose sobre as 109 que se presentaron a esta nova edición do premio Luís Ksado, convocado pola Deputación da Coruña e comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato.

“A obra gañadora trata un tema de actualidade, utilizando unha linguaxe contemporánea, con lírica e sensibilidade”, anota o xurado no seu fallo dunha fotografía “horizontal e empática” que “presenta un concepto novo da familia e revisa o concepto de proscripción e marxinalidade”. “Hai unha linguaxe críbel, de verismo fotográfico: é un “soño dramático”. A autora da obra fuxe de premisas reparadoras e sanitarias; lévanos da súa man a un umbral de periferia social en permanente revisión: a autora dinos “somos nós””, explica o fallo.

Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Compostela e pola Karlova Univerzita de Praga, Bandia Ribeira cursou o Postgrado de Fotoperiodismo na Universitat Autónoma de Barcelona e o grado de Fotografía Documental na University of South Wales de Newport. Na súa experiencia profesional, Bandia Ribeira traballou como fotoxornalista en El Progreso, delegación da Mariña, colaborou coa Fundació per la Innovació i la Acció Social e foi asistente de fotografía da Agencia Lusa en Viseu. A súa obra foi exposta en mostras individuais e colectivas, ademais de na Galiza, en Gales, Cataluña, Rumanía, Alemania, Portugal. O Ksado súmase a outros premios recibidos pro Bandia Ribeira como a mención de honra de Foto Visura Spotlight grant ou o Premio Ciutat de Barcelona.

O xurado do premio, comisariado polo fotógrafo Xurxo Lobato, estivo composto polo fotoxornalista Ricky Davila, o artista da fotografía Pierre Bonnord, a fotógrafa Ana Lage, galega e profesora na Universidade Autónoma de Barcelona e a profesora da Escola de Belas Artes de Porto e comisaria artística Àngela Ferreira. O deputado da área de Cultura, Xosé Regueira actuou como presidente, sen voto. Un xurado de excepción no que participaron grandes nomes do mundo da fotografía contemporánea.

Son finalistas do Luís Ksado: Juan Ramón Robles González ( Madrid) con “Vida e morte na Franxa de Gaza”, Francisco Xabier Fernández Comesaña (Vigo) con “Aloitadores de Sabucedo”, A. Benítez Barrios (Los Barrios, Cádiz) con “Fading Japan”, Noela Roibás Rodríguez (Pontevedra) con “Irmán” eAna Belén Rello Férnández (Santiago de Compostela) con “Quidam”.

Dentro do programa de actividades vinculado ao premio Luís Ksado este xoves 22 de outubro ás 20:00 terá lugar no Pazo de San Marcos, en Lugo, a inauguración da mostra antolóxica das dez primeiras edicións coas coleccións fotográficas gañadoras.

O venres terá lugar na sede da Deputación a homenaxe ao fotógrafo ou fotógrafa histórica, condición na que xa foron recoñecidos autores como Manuel Ferrol, Ramón Caamaño, Virxílio Viéitez, Alberto Martí, Manuel López, Tino Quián ou Manuel Blanco entre outros.

Os membros do xurado Ricky Davila –onte- e Pierre Bonnord, -na tarde deste día 21- impartiron dous obradoiros fotográficos no Paraninfo da Universidade aos que se inscribiron case cincocentas persoas.

21 de outubro de 2015 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.