publicidade hoxe

Baiona acollerá o Campionato de España de Trial organizado pols Moteiros Val Miñor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Vila de Baiona volverá ser sede do Campionato de España de Trial, penúltima proba do calendario nacional da modalidade e á que confirmaron a súa asistencia o vixente campión do mundo Toni Bou, así como o resto do podio dos actuais campións da Copa das Nacións, os tamén cataláns Adam Raga, Albert Cabestany e Jerony Fajardo.

Xunto a este brillante elenco tamén estarán o vasco Jaime Busto, así como o galego Jorge Casales, todos eles con claras opcións de subirse ao caixón do medalleiro.

Organizado pola Peña Moteiros Val Miñor, baixo a denominación de Trofeo Cogesa – Vila de Baiona, o campionato celebrarase nunha única xornada dominical, a do día 18, reservando o sábado 17 para os adestramentos oficiais. Como en anteriores ocasións, as zonas estarán distribuídas ao longo do paseo do Monte Boi, nas inmediacións do Parador Nacional de Turismo de Baiona, repartidas entre as rocas que bañan o mar e a montaña lindeira ás murallas do Conde de Gondomar, localización que lle achegará vistosidade e beleza á destreza dos pilotos.

A cita albergará, na mesma edición,  o Campionato Galego, proba que vén da man das Federacións Real Española e Galega de Motociclismo, grazas á organización da Peña Moteiros Val Miñor, o patrocinio de COGESA, o Consello Superior de Deportes, o Concello de Baiona, Deputación Provincial, Deporte Galego da Xunta de Galicia, ACEBA, GADIS e Coca Cola.

A listaxe de participantes é amplo, roldando os 120 pilotos repartidos entre ambos os campionatos, dos que 70 corresponden ao nacional e medio centenar ao galego.

O vindeiro mércores 14 de outubro está prevista a súa presentación no Salón de Plenos do Concello de Baiona, á que asistirán algúns dos pilotos convocados, entre outras autoridades, que comezarán a chegar á vila baionesa este mesmo fin de semana para iniciar os seus primeiros contactos co terreo no que se montarán as zonas de competición.

9 de outubro de 2015 | 10:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.