publicidade hoxe

Augas de Galicia colabora nunha saída formativa ao río Gallo con alumnos de Cuntis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntis
A-
A+

Augas de Galicia colabora nunha saída formativa ao Río Gallo, que se celebrará hoxe mércores 21 de outubro entre as 10:30 e as 13:30 e na que participan un grupo de alumnos do Centro Público Integrado de Cuntis. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do programa Proxecto Ríos, que se desenvolve en colaboración coa asociación ecoloxista Adega e que constitúe unha ferramenta de educación ambiental para poñer en valor e aprender a convivir cos ríos, preocupándose polo seu estado dende nenos.

O obxectivo é que os participantes coñezan mellor os problemas dos ríos promovendo o seu coidado, ao tempo que se goza dos contornos fluviais con responsabilidade. Durante estas actividades, os escolares percorren tramos do río, identificando as especies de vexetación e fauna de ribeira, e comprobando a calidade das augas con métodos sinxelos de análises; ao tempo que se lles explica aos alumnos cales son os indicadores máis importantes para comprobar o bo estado da auga e do ecosistema fluvial do río.

Estas actividades desenvólvense na primavera e no outono, para analizar indicadores biolóxicos que se empregan para avaliar a calidade das augas, dependendo do momento vital das especies animais e vexetais do cauce e de ribeira.

Mellora dos ríos

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de Educación e Voluntariado Ambiental promovida por ADEGA e financiada por Augas de Galicia, que ten como finalidade dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.

O pasado mes de maio a Xunta e Adega renovaron esta colaboración para o coidado dos recursos fluviais galegos, co fin de desenvolver as actividades e actuacións planificadas para o ano 2015. Neste exercicio, o importe de colaboración da Xunta de Galicia ascende a 44.500 euros.

Cabe sinalar que a proposta de traballo do Proxecto Ríos, baséase na inspección das condicións ecolóxicas dos ríos, realizada por voluntarios locais responsables da vixilancia e protección do treito de río que seleccionan, mediante unha metodoloxía de observación sinxela e estandarizada de doada aplicación e desenvolvemento.

Co desenvolvemento do Proxecto Ríos achéganse os ríos e as súas bacías á poboación, a través de actividades de inspección, determinación do estado das súas augas, de xornadas formativas puntuais, xornadas de limpeza de ríos colectiva. O proxecto culmina no momento no que os voluntarios se responsabilizan da vixilancia de determinados tramos de río.

21 de outubro de 2015 | 11:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.