publicidade hoxe

As obras do novo centro de saúde de Nigrán finalizaron no prazo comprometido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe o edificio do novo centro de saúde de Panxón, en Nigrán, cuxa obra acaba de rematar. Deste xeito, cúmprese o prazo dun ano ao que a Xunta se comprometeu cando empezaron os traballos de construción, en outubro de 2014.

Estas instalacións, enmarcadas na modernización de infraestruturas da rede de Atención Primaria que recolle a Estratexia Sergas, contan cun investimento de 1,8 millóns de euros e cunha superficie construída de 1.375 m2. Son completamente novas, e facilitarán a actividade dos profesionais sanitarios, o que redundará en beneficio da cidadanía de Nigrán.

O centro conta con 6 consultas de medicina de familia e 6 de enfermería, 1 de pediatría e 1 de enfermería pediátrica, 1 sala de toma de mostras, 1 consulta polivalente, 1 sala de técnicas para cirurxía menor, sala de xuntas, sala de estar do persoal, aseos, recepción, arquivos e almacéns, entre outros espazos.

Vázquez Almuiña destacou que esta obra non é un fito illado, senón que se encadra nunha serie de 15 centros de saúde dos que 12 xa empezaron a súa construción nos últimos meses. Deles, o de Panxón foi o primeiro en ser adxudicado e tamén o primeiro en rematar a súa construción.

Estes centros virán a sumarse aos vinte xa rematados e postos en funcionamento, e aos nove reformados, así como a dous novos consultorios. Entre todos eles prestan Servizos de Atención Primaria a 300.000 persoas.

Asistencia equitativa, eficiente, segura e de calidade

“O modelo sanitario que defendemos baséase nunha asistencia sanitaria efectiva, equitativa, eficiente, segura e de calidade e, ademais, solvente e sustentable. O seu núcleo e razón é a nosa cidadanía, vós, e con ese obxectivo traballaremos”, declarou o conselleiro.

A de hoxe foi a primeira visita que o novo titular de Sanidade realizou á rede de Atención Primaria. Comezou cun percorrido por un centro xa existente, o de Baiona, onde saudou aos profesionais e falou con eles do seu día a día, e continuou polo centro de saúde da Ramallosa antes de rematar no novo edificio de Panxón.

Vázquez Almuiña reiterou o seu firme compromiso co sistema sanitario público, para traballar na súa mellora, optimización e modernización, contando sempre cos profesionais, e tendo aos pacientes e cidadáns como razón de ser e núcleo do sistema.

Neste sentido, destacou que na súa primeira semana á fronte do departamento reuniuse en primeiro lugar cos pacientes, representados no Consello Asesor de Pacientes; cos profesionais de atención hospitalaria, no Hospital Álvaro Cunqueiro, e hoxe cos de atención primaria, o primeiro nivel de atención, o máis próximo á cidadanía e sobre o que gravita o conxunto do sistema.

13 de outubro de 2015 | 13:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.